Teresa Ribeira, ministra para a Transición Ecolóxica, defendeu a través do seu perfil da rede social Twitter a Lei de Cambio Climático e o artigo 18.4, que desde diversos colectivos foi criticado por entender que provoca inseguridade xurídica e supoñerá un perigo para a permanencia de empresas situadas no litoral galego.
A máxima representante do ministerio inicia a súa publicación integramente en lingua galega explicando que viu un vídeo anónimo con imaxes "preciosas da mar e a industria do mar en Galicia" e sinala que acusan en falso á Lei de Cambio Climático, ao PSOE e ao BNG.
Ribeira sinala que esta norma defende e incorpora garantías e cautelas para o litoral. E aclara que non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais. E en maiúsculas alerta: "NON MINTAN NIN ASUSTEN Á XENTE, por favor. SEXAN RESPONSABLES".
Engade que lamenta "profundamente que para defender ese interese haxa quen acuda ao mendo, á mentira e á demagoxia", para afirmar que a costa e Galicia son "enormemente queridos" polo seu ministerio e garante que defenderán a súa correcta xestión e a prosperidade das súas xentes.
Por último, insiste en aclarar que o caso particular da fábrica pasteira de Ence na ría pontevedresa é distinto porque a súa situación depende da decisión dos tribunais ao ser recorrida a súa prórroga ante a Audiencia Nacional.
Caso particular é o de #ENCE, cuxa concesión depende da decisión dos tribunais ao ter sido recurrida ante a Audiencia Nacional. (4) pic.twitter.com/CbdzcQYb9p
— Teresa Ribera (@Teresaribera) March 28, 2021