Chicho e Morgan, de Amijos e Vesiños de Cantodarea, recibirán o Premio Liberación 2025

Marín
20 de marzo 2025
Actualizado: 18:18

O xurado acordou por unanimidade concederlle este recoñecemento ao colectivo veciñal, que o recibirá no acto institucional do 4 de abril

Chicho e Morgan, de Amijos e Vesiños de Cantodarea
Chicho e Morgan, de Amijos e Vesiños de Cantodarea / Julio Santos Pena

O xurado do Premio Liberación decidiu por unanimidade outorgar este galardón ao colectivo Amijos e Vesiños de Cantodarea, asociación veciñal liderada polo empresario Julio Montoto Sobrado, "Chicho" e coa axuda permanente de José Ramón Pérez Gómez, "Morgan".

Durante 10 anos, encargáronse a través da Comisión de Festas, da que Chicho era presidente, da organización das Festas de Cantodarea polo seu patrón, o 1 de maio, día de San Xosé Obreiro.

Estas festas eran un referente, sobre todo pola calidade da súas orquestras, as máis punteiras en cada momento.

En 2023, a falta de relevo fixo que rematara facéndose cargo o Concello da organización desta festividade.

Como non podían estar quedos, comezaron a recuperación das Cacharelas de San Xoán, organizando dúas fogueiras, unha máis pequena que acender ás 22 horas para os nenos, e outra de enormes dimensións para queimar á medianoite, onde sempre fan referencia a algunha localización do concello: a Porta Carlos I da Escola Naval Militar, o Palco da Música da Alameda, a Farola da Praza de España, o Faro de Tenlo Chico da Illa de Tambo, entre outras.

Pero ademais, e xa como un proxecto persoal, Chicho comeza coa recuperación das vellas casas do Barrio do Outeiro de Cantodarea, abandonadas ou ocupadas, coa súa limpeza e colocación de placas que lembran o alcume polo que se coñecía a quen alí vivía, como unha forma de homenaxe a esa historia desta zona típica mariñeira, como "A Cuadra" que se converteu na sede deste colectivo.

Cabe destacar a posta en valor das escaleiras e posterior bautismo co nome de "Auditorio María de Román", onde se celebran actuacións musicais para a alegría sobre todo da xente maior deste barrio.

E por suposto, a colaboración na decoración de Nadal, que vaise contaxiando entre toda veciñanza e que supón un exemplo de comunidade.

Todas estas iniciativas impulsadas polo colectivo están a permitir unha reconversión desde barrio, facendo a vida nel moito máis segura e alegre.

Por todas estas razóns e este enorme traballo de dinamización social e cultural de Cantodarea, recibirán o Premio Liberación 2025, nun acto que se realizará o 4 de abril pola tarde para conmemorar o Día da Liberación de Marín.