Máis de medio cento de persoas acudiron á convocatoria realizada polo Partido Popular a colectivos sociais de Pontevedra para explicarlles os detalles dos tres millóns de euros en axudas que repartirá Ence en 2017, compromiso recollido no seu pacto ambiental.
O portavoz do PP, Jacobo Moreira, recoñeceu que a reunión contou con "moita máis xente da que esperabamos", porque os contactos limitáronse a unha trintena de asociacións. Por iso, non dubida en sinalar que en Pontevedra hai moito interese por coñecer estas axudas porque estes colectivos teñen "dificultades" de financiamento.
"É unha satisfacción poder ser de utilidade para estes colectivos", explicou Moreira, que cualificou este encontro como "moi positivo", porque os populares puideron resolver as dúbidas respecto destas axudas e tratar de solucionalas.
O líder dos populares de Pontevedra lembra que estas axudas son unha das "condicións" que se impuxeron a Ence para lograr a prórroga da súa concesión, de forma que a súa permanencia supoña un "beneficio" para a cidadanía e os colectivos da cidade, moitos dos cales teñen "necesidades a manter".
Ademais, Jacobo Moreira volveu a lamentar a "falta de preocupación" do Concello con estes colectivos, aos que non se lles axudará para que poidan optar a estas axudas de Ence.
Neste sentido, Moreira reiterou que os interesados "poden contar con nós" e poden dirixir as súas dúbidas ao partido, ben de modo presencial ou ben por teléfono ou correo electrónico.