O colexio SEI San Narciso de Marín é, desde este xoves, vivenda dunhas trinta persoas de nacionalidade ucraína desprazadas desde o seu país de orixe pola guerra. No centro educativo esperan ademais a doutros vinte refuxiados.
Os refuxiados dispoñerán de forma totalmente gratuíta e durante todo o tempo que sexa necesario de aloxamento, unha habitación con cuarto de baño por familia; manutención, xantar, comida e cea; uniforme escolar ou unha asignación económica mensual en función da composición da unidade familiar e das súas necesidades.
A escolarización dos menores e incorporación de profesorado ucraíno para que continúen coa súa formación académica, actividades extraescolares para os estudantes e clases de español para todos os membros das familias que non dominen o castelán completan as atencións.
Nesta acción solidaria, o colexio conta tamén co pleno apoio da asociación de pais e nais, que puxeron ao dispor do centro diverso material escolar, así como uniformes que os seus fillos xa non utilizan.
Ademais, co obxectivo de facilitar a integración dos menores, o Anpa ten deseñado un sistema para que as familias españolas poidan acoller aos seus novos compañeiros nas súas actividades cotiás habituais.
Santiago Bareño, propietario do Grupo SEI, agradeceu "a colaboración total do ANPA", cos que estarán en contacto diario para comunicarlles "as necesidades que vaian xurdindo para que as achegas sexan as adecuadas".
Neste sentido, recoñece que o aproveitamento dos uniformes será "un alivio económico para o noso plan, co que tamén dotaremos aos nenos do correspondente material escolar segundo as súas idades", rematou o propietario.