A chegada de Kirk obriga a tomar medidas de seguridade para a poboación

Pontevedra
08 de outubro 2024
Actualizado: 09 de outubro

A partir das 18.00 horas deste martes 8 de outubro está previsto pechar parques infantís e zonas arboradas no municipio de Pontevedra ante a chegada dos fenómenos meteorolóxicos adversos

Temporal de chuvia e vento en Pontevedra
Temporal de chuvia e vento en Pontevedra / Cristina Saiz

Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, indicaba este martes que ante os avisos de fenómenos meteorolóxicos adversos pola chegada da borrasca Kirk, o Concello de Pontevedra vai adoptar medidas para garantir a seguridade da poboación. 

Explicou que se agardan ventos fortes, choivas e ondadas a partir das 18.00 horas deste martes 8 e, por este motivo, van pecharse as sendas do río Lérez e da Illa do Covo; o mirador de Monte Porreiro; Palmeiras; parque de Rosalía de Castro e parques infantis do municipio.

Vilaverde anunciou que se vai manter unha atención especial das zonas arboradas e desde o goberno local recomendan á poboación non achegarse a estes espazos, ademais de evitar a circulación próxima a muros, cornixas; guindastres ou andeis. 

Nas vivendas solicitan a retirada das fachadas e balcóns daqueles obxectos que poidan desprenderse e caer as rúas como consecuencia do vento.

A concelleira tamén recomendou que se teña en conta as mareas coa preamar prevista para as 7.53 deste martes e para as 08.15 horas do mércores, evitando aparcamentos en zonas inundables.

Para este martes a alerta establecida é amarela, mentres que para o mércores, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) incrementa a alerta a laranxa por chuvias a partir das 00.00, e por vento entre as 08.00 e as 14.00 horas.

Nese horario non se abrirán instalacións deportivas ao aire libre e, como consecuencia, quedarán suspendidas as actividades previstas neses espazos.

Alerta de temporal na Alameda
Alerta de temporal na Alameda

O Concello de Pontevedra terá todos os operativos de emerxencia en preaviso, coordinados pola Policía Local, afirmou Eva Vilaverde.

En canto ao ensino, a representante do goberno municipal indicou que se manteñen á espera do que determine a Consellería de Educación, pendentes da evolución da borrasca.

Ao tratarse da primeira que chega neste outono, os servizos de emerxencia piden á cidadanía especial atención debido á posibilidade de caída de árbores debilitadas, pólas secas ou mesmo mobiliario público.