Chega o primeiro Campionato de Cartas "Cidade de Pontevedra" para maiores

Pontevedra
18 de setembro 2024

As persoas maiores de 60 anos teñen a oportunidade de inscribirse ata o luns 23 de setembro para participar en xogos tradicionais de cartas, elixindo entre tres modalidades por parella (tute, brisca e escoba) e tres individuais (chinchón, cinquiño e sete e media).

Cartas da baralla española
Cartas da baralla española

A concellería de Benestar Social de Pontevedra, dirixida por Anabel Gulías, pon en marcha o I Campionato de Cartas 'Cidade de Pontevedra', enmarcado na programación de actividades para maiores do último trimestre do ano.

O campionato desenvolverase ao longo do mes de outubro en vinte centros sociais do municipio, tanto do rural coma do casco urbano, e culminará cunha gran final no Pazo da Cultura os días 26 e 27 de outubro.

As persoas maiores de 60 anos poderán participar en xogos tradicionais, elixindo entre tres modalidades por parella (tute, brisca e escoba) e tres individuais (chinchón, cinquiño e sete e media).

As fases eliminatorias realizaranse en centros sociais do municipio, quince no rural e seis no centro urbano, antes da final.

As inscricións están abertas ata o luns 23 de setembro e pódense formalizar nos propios centros sociais ou solicitando información no correo electrónico do campionato (campionatodecartas.pontevedra@gmail.com).

Desde o Concello anímase á participación baixo o lema "Non o penses máis... canta as corenta!", como parte da oferta de actividades que promove o envellecemento activo e a dinamización social.

O municipio de Pontevedra conta con 24.598 persoas que superan os 60 anos, -14.689 mulleres e 9.909 homes-. Esta poboación representa preto do 30% do censo municipal.