O Centro Asociado da UNED en Pontevedra organiza un curso titulado "Optimización do tempo e desenvolvemento da efectividade persoal", que se impartirá do 17 de marzo ao 10 de abril.
Esta formación, de 20 horas lectivas e con recoñecemento de 1 crédito ECTS, está dirixida a profesionais, emprendedores, estudantes e calquera persoa interesada en mellorar a súa eficiencia e habilidades interpersoais sen necesidade de contar con coñecementos previos.
O curso será impartido por Mariem Filgueira Pérez, experta en xestión empresarial cunha ampla traxectoria en consultoría e innovación.
Filgueira é licenciada en Dirección e Administración de Empresas pola Escola de Negocios Caixanova e conta cun Máster en Calidade e Medio Ambiente. Ademais, está certificada como Sherpa Empresarial.
O obxectivo principal do curso é axudar os participantes a integrar os 7 hábitos da xente altamente efectiva, baseados nos principios de Stephen Covey, para alcanzar un maior rendemento tanto no ámbito persoal como profesional.
Entre os contidos destacados figuran a aplicación da Matriz de Administración do Tempo, unha ferramenta base para priorizar tarefas segundo a súa importancia e urxencia, así como o desenvolvemento de habilidades de comunicación efectiva centradas na empatía e a comprensión mutua.
Ademais, o programa abordará temas como o liderado fundamentado en principios, o manexo de conflitos mediante o Método Harvard de Negociación e as claves do liderado inspirador segundo o modelo de Shackleton.
Estes enfoques buscan non só mellorar a produtividade individual, senón tamén fortalecer as relacións interpersoais e fomentar a resolución construtiva de conflitos.

Ao finalizar o curso, os participantes adquirirían ferramentas prácticas para optimizar o seu tempo, aumentar a súa produtividade e desenvolver un liderado inspirador. Tamén estarán capacitados para aplicar técnicas de comunicación efectiva e resolver conflitos.
A coordinación do programa estará a cargo de David Jiménez-Hernández, profesor do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Didácticas Especiais da UNED, e Rafael Cotelo Pazos, responsable do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais do centro.