Este martes chegaron a Vilagarcía unha trintena de persoas refuxiadas procedentes de Ucraína e que serán acollidas por familias que non coñecen en vivendas do Grove, Sanxenxo, A Estrada, Oleiros, Vigo ou Manzaneda.
No autobús viaxaban 46 persoas pero sete quedaron en París e outros oito en San Sebastián e Bilbao.
Viaxaron directamente desde a fronteira de Polonia nun autobús fretado pola asociación Galucrania que preside a sanxenxina Ainhoa Fervenza que xa anuncia que teñen en marcha plans para mandar un segundo autobús. Ademais seguirán cos envíos de material que foron recollidos nos últimos días desde diferentes entidades. Un camión fretado por Fundiciones Rey con 22 toneladas sairá en breve desde o almacén de recollida en Rubiáns. Anteriormente xa mandaron outros dous camións con 44 toneladas.
O Concello de Vilagarcía aplaudiu a solidariedade dos veciños co pobo ucraíno, pero insiste na necesidade de que esa axuda estea pautada e canalizada a través da administración e as ONGs, "o que sen dúbida será beneficioso tanto para quen acolle coma para quen é acollido".
Dende o Concello de Vilagarcía sinalaron que a chegada de persoas refuxiadas ucraínas á comarca por vías non formais –é dicir, fóra das establecidas e pautadas polo Goberno da nación- levou a esta administración local a elaborar un protocolo que garanta non só una atención áxil e directa, senón tamén segura a ese colectivo.
O que se busca é que ese colectivo teña unha canle directa de atención que garanta unha acollida segura, na que se respecten os seus dereitos e se atendan ás súas necesidades, dende a axuda sicolóxica, sanitaria ou de alimentación, á escolarización dos menores. Neste sentido, lémbrase que o primeiro paso para poder acceder a esta rede de axudas é inscribirse no rexistro de Estranxería da Policía Nacional, de xeito que así serán considerados como cidadáns con protección temporal.
VOLUNTARIOS PARA O IDIOMA
Outro dos eidos nos que queren actuar de xeito coordinado Concello, Cruz Vermella e Cáritas é na propia comunicación coas persoas refuxiadas, na súa inmensa maioría mulleres e nenos ou adolescentes. Por iso, dende as tres entidades faise un chamamento a crear unha rede de voluntariado que poida axudar, como intérpretes en primeiro termo, a estas persoas que foxen dunha guerra.