Chega a Pontevedra o "Plan Marshall" da rehabilitación enerxética de vivendas e edificios

Pontevedra
23 de xuño 2022

O Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos convida á poboación galega a beneficiarse dos fondos procedentes da Unión Europea que permitirán aforrar aos fogares ata o 85 % da súa factura da luz

Vista de Pontevedra
Vista de Pontevedra / Mónica Patxot

O Colexio Galego de Aparelladores convida á poboación galega a solicitar as axudas á rehabilitación enerxética de vivendas dos fondos europeos Next Generation. Cualifícanas como un “Plan Marshall da rehabilitación enerxética” e calculan que permitirán aforrar aos fogar preto do 85 % da súa factura enerxética.

“Un edificio de 14 vivendas que elimine a caldeira de gasóleo, un combustible fósil, e substitúaa por biomasa, pasará de pagar unha factura enerxética anual de 42.000 a 7.000 euros. É o caso máis favorable”, asegura José Manuel Grandío, coordinador da Comisión de Rehabilitación Enerxética do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. Cada vivenda dese edificio deixaría de pagar 250 euros ao mes e pasaría a ter unha factura da luz de pouco máis de 40 euros, continúan co exemplo.

Grandío destaca ademais que o investimento necesario para acometer ese proxecto sería mínima, tendo en cuenta os fondos Next Generation, que poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación. 

O DOG publicou o pasado mes de maio a normativa que regulará estes programas, que contarán cun orzamento de 22,9 millóns de euros en 2022, administrados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). A Xunta xa publicara no DOG durante o primeiro trimestre deste ano a normativa que regula outro programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética de vivendas, dotado en Galicia con tres millóns de euros.

"Canto máis se invista en reducir o consumo de enerxía primaria, maior é a porcentaxe de subvención que se recibe. Se reduzo o consumo de enerxía primaria un 60 % ou máis; recibirei unha subvención que chegará ata o 80% do investimento acometido”, ilustra Grandío.

Neste caso, as axudas destinaranse, por exemplo, á mellora da envolvente de edificios de uso colectivo e vivendas unifamiliares, á renovación das súas fachadas e cubertas, ou a substituír equipos de calefacción e auga quente para conseguir, como mínimo, un aforro enerxético do 30 %. Atendendo á renda dos solicitantes e á porcentaxe de redución do consumo enerxético, a contía da subvención pode chegar ata preto dos 40.000 euros. Para alcanzar esa cantidade tamén habería que retirar o amianto do edificio.

O presidente do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e  Arquitectos Técnicos, Roberto Medín Guyatt, asegura que “a oportunidade é única”. No Consello cren que poderán acollerse a estas axudas “en torno ao 90 % dos edificios existentes en toda a comunidade autónoma, incluídos tamén os da cidade de Pontevedra, porque temos un parque de vivendas moi antigo”.