Chega a Festa da Ameixa, un escaparate do produto da ría de Pontevedra e do traballo da xente do mar

Poio
16 de setembro 2023

Unha homenaxe á xente do mar abriu este venres 15 de setembro a nova edición da Festa da Ameixa de Campelo, coa que o Concello de Poio busca "enxalzar a excelencia da nosa ameixa e incrementar as súas vendas cara o exterior". Todas as traballadoras do mar da Ría de Pontevedra que se xubilaron este ano recibiron a Ameixa de Prata de Poio

Homenaxe á xente do mar na Festa da Ameixa
Homenaxe á xente do mar na Festa da Ameixa / Concello de Poio

Unha homenaxe á xente do mar abriu este venres 15 de setembro a nova edición da Festa da Ameixa de Campelo, coa que o Concello de Poio busca "enxalzar a excelencia da nosa ameixa e incrementar as súas vendas cara o exterior". 

Son palabras do alcalde, Ángel Moldes, que presidiu a inauguración da festa e destacou que "desde o primeiro momento, o novo Goberno tiña claro que queríamos converter esta festa nun escaparate do produto e das mariscadoras e dos mariscadores".

A inauguración foi tamén unha homenaxe a todas as mariscadoras e mariscadores. Todas as traballadoras do mar da Ría de Pontevedra que se xubilaron este ano recibiron a Ameixa de Prata do Concello de Poio e a ex conselleira de Mar, Rosa Quintana, recibiu unha homenaxe pola súa labor durante os últimos anos "en prol do sector".

As homenaxeadas foron: Teresa Ameneiros, Benito Casás, María Jesusa del Carmen Castiñeira, Dorinda García, Daniel Besada e Manuel Aboal, Paulino Graña, Dolores Lamas,  María Jesús López, Josefa Piñeiro e Carmen Ramírez, da confraría de San Telmo; Peregrina Sartal, María Ángeles Falcón, Julia Lamoso, María Magdalena Castiñeira, Milagros Martínez, da confraría de Lourizán; e da confraría de San Gregorio de Raxó, María Del Carmen Simón, Paz Martínez e Daniel Florentino Ríos.

De todos eles destacou Moldes que son "mulleres e homes que adicaron a súa vida ao mar, mariscadoras e mariscadores que coa vosa labor contribuídes a poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do noso concello, a auténtica ameixa cultivada na nosa ría".

Ao acto acudiron representantes do corporación municipal de Poio e tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; e os deputados provinciais María Ramallo e Marcos Guisasola. Non faltaron representantes das confrarías  e das agrupacións de marisqueo, de asociacións culturais, veciñais e deportivas de Campelo e das empresas do sector.

A Festa da Ameixa continúa o sábado e domingo, coa degustación e apertura da carpa ás 12.00 e ás 20.00 horas.

As persoas que se acheguen ata a Praza da Granxa terán ocasión de elixir entre ameixas á mariñeira (9,50 euros a ración), con fideos ou arroz con ameixas (8 euros en ambos casos). De sobremesa, servirase tarta de Santiago, con opción a solicitar unha porción (3 euros) ou unha unidade enteira (15 euros)

Este sábado hai sesión vermú coa música en directo de Desconcerto e pola tarde unha festa infantil con inchables e obradoiros na Praza da Granxa. Ás 21.30 horas celebrarase o certame de Canción Mariñeira, recupéranse os fogos de artificio desde o Porto de Campelo e pechará a xornada a orquestra La Fórmula.

O domingo inclúense as actuacións da Banda de Música de Arcade, ás 13.00 horas, e da Escola de Acordeóns de Campelo, que se recupera nesta edición ás 20.00 horas.

O espectáculo dos Bolechas será ás 18.00 horas e con entrada de balde e ás 21.00 horas actuará a orquestra Capitol na Praza da Granxa.