Chega a Caldas "Violencia Zero" para poñer o foco na relación entre mulleres e coidados

Umia
10 de outubro 2023

Máis de 100 alumnos de centros educativos do concello desfrutou da videoinstalación "Nosa señora dos coidados", de Montse Piñeiro e Cristina Bolívar

Presentación da actividade de "Mulleres en Acción. Violencia Zero"
Presentación da actividade de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" / Concello de Caldas de Reis

O Auditorio Municipal de Caldas de Reis acolleu este martes a videoinstalación "Nosa señora dos coidados", das artistas Montse Piñeiro e Cristina Bolívar. 

Un grupo de 113 alumnos do IES Aqua Celenis, o CPI Alfonso VII e o CPR San Fermín acudiron a ver esta acción enmarcada no programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en Acción. Violencia Zero".

A videoinstalación pon o foco sobre a relación entre mulleres e coidados, reflexionando sobre como na sociedade actual aínda segue a ser un rol asignado ás mulleres.

A deputada provincial Isabel Couselo foi a encargada de recibir aos estudantes co desexo de que esta peza lles fixera "reflexionar, mobilizarvos e concienciarvos sobre o rol que tivemos, e aínda temos, historicamente as mulleres na economía dos coidados". 

"Estou segura que, para moitos de vós, situacións como as que mostrarán as dúas artistas hoxe aquí non vos son alleas. É certo que esta visión está pouco a pouco a cambiar, pero a igualdade segue a ser un dos grandes retos da nosa sociedade actual",  asegurou a deputada. 

Realizando un percorrido semellante a unha liturxia, a peza mestura videocreación en directo, instalación artística interactiva e performance e, para realizala, as artistas empregaron imaxes cedidas pola Filmoteca de Galicia, así como do seu arquivo familiar.

Ademais, "Nosa señora dos coidados" inclúe varios cortes de son do documental "Señora de", de Patricia Ferreira, que recolle testemuños de varias xeracións de mulleres que tiveron que renunciar aos seus soños.