Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita para toda a familia: champiñóns recheos. Nesta ocasión, Conservas Pescamar proponnos unha elaboración co seu atún claro en aceite de oliva, un produto que casa á perfección cos vexetais que compoñen este prato san e lixeiro.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior á dalgunhas carnes, e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar uns deliciosos Champiñóns recheos de atún Pescamar e rustrido de verduras necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar
- 16 champiñóns grandes
- 1 cebola
- 1 pemento vermello
- 1 cabaciña
- Aceite de oliva
- Sal
- Pementa negra
- Queixo relado (opcional)
Preparación:
Poñemos ao lume unha tixola cun pouco de aceite de oliva e preparamos o rustrido refogando a cebola, o pemento e a cabaciña, vexetais que previamente cortamos en anacos moi pequenos. Unha vez cociñados, engadimos sal e pementa. Reservamos.
Limpamos os champiñóns e retirámoslles os pés. Enchemos cada un dos chapeus cunha parte de atún claro Pescamar en aceite de oliva, previamente escorrido e reservado o aceite, e outra coa mestura de verduras. Opcionalmente, pódese estender un pouco de queixo relado por riba.
Colocamos os champiñóns recheos nunha bandexa e introducimos no forno, prequentado a 180 graos, para que se cociñen durante 20 minutos. Unha vez retirados do forno, para mellorar a súa textura e sabor, podemos bañalos lixeiramente co aceite de oliva da lata de atún claro Pescamar que reservaramos.
Nuns días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.