Oito asociacións ecoloxistas uníronse para facer oír a súa voz contra o actual modelo de enerxía eólica. Farano con concentracións en toda Galicia que, no caso de Pontevedra, celebrarase o vindeiro domingo 11 de decembro, ás 12:00 horas, na Praza da Peregrina.
Será unha mobilización en defensa das montañas de Galicia, ameazadas pola instalación de numerosos proxectos deste tipo, segundo apuntan as organizacións convocantes.
Son APDR, Vaipolorío, Adega, O Quilombo, Capitán Osende, Ecoloxistas en Acción, a Federación Ecoloxista Galega e a asociación Non ao Parque Eólico do Castrove.
Ante esta "invasión eólica", estes colectivos chaman á mobilización cidadá contra o que cualifican como un proceso de "colonización enerxética", megaproxectos ao servizo das compañías do sector, "empresas especuladoras coa conivencia das administracións".
Alertan da destrución que supoñerá para hábitats de alto valor natural e de gran diversidade, "fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega", que se atopa "indefensa ante o asoballamento destas empresas".
Os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se tramitan en Galicia "poñen en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico deste país", segundo as asociacións convocantes, que consideran que só a mobilización social será quen de frear este modelo.
Fronte a este "espolio", estes colectivos propoñen un modelo no que os galegos "teñamos a capacidade para decidir sobre o seu aproveitamento", apostando polo equilibrio territorial e ambiental, evitando a destrución de emprego e a emigración.