A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lembra á cidadaníagalega a importancia de doar sangue, especialmente nas xornadas previas e posteriores ás pontes festivas, como a que se producirá esta fin de semana coa conmemoración do 6 de decembro.
ADOS subliña que, diariamente, son necesarias entre 400 e 500 doazóns para cubrir as necesidades dos centros sanitarios de Galicia.
Durante o mes de decembro, marcado polas festividades e o Nadal, a participación cidadá nas doazóns pode verse reducida.
Por este motivo, ADOS anima a todos os galegos e galegas a colaborar coa doazón de sangue, destacando que o chamamento é xeralizado, xa que non existe unha necesidade específica dun grupo sanguíneo concreto neste momento.
Para facilitar a doazón, ADOS pon a disposición da cidadanía o seu sitio web, as redes sociais e o teléfono gratuíto 900 100 828, onde se pode obter información sobre o proceso de doazón e consultar as datas e localizacións das unidades móbiles.
Nesta semana, as unidades móbiles estarán situadas nos seguintes puntos das Rías Baixas:
- Luns 2 de decembro: Bueu.
- Martes 3 de decembro: Ponte Caldelas.
- Mércores 4 de decembro: contorna da Ferrería, en Pontevedra.
- Xoves 5 de decembro: Caldas de Reis.
- Sábado 7 de decembro: Illa de Arousa.
ADOS destaca que a doazón de sangue é un acto solidario que salva vidas e fai un chamamento a participar activamente para garantir a dispoñibilidade de compoñentes sanguíneos durante estas datas festivas.