Para poñer fin a décadas de atrancos e promesas incumpridas, dúas administracións -a Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove- uniron as súas forzas para avanzar cara a recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello.
Con un chamamento á Xunta de Galicia e ao propio Estado español, ambas institucións reclaman "desatascar" as actuacións necesarias para a protección "urxente" deste xacemento. De aí que propoñan a creación dunha comisión interadministrativa.
O Adro Vello, segundo o alcalde do Grove, José Cacabelos, "ten que estar por enriba" da confrontación política, "porque estas pedras son a orixe de San Vicente e aquí, nos anos 80, atopouse o vestixio da famosa traslatio e a moeda que é insignia do Xacobeo 2021-22".
O deputado Carlos Font engadiu que "é o momento de pasar páxina" e explicou que "toca sentarse, desatascar as actuacións urxentes e programar o que hai que facer a medio e longo prazo para comezar a casa por onde hai que comezala, en lugar de polo tellado".
Ambos dirixentes, nunha visita ao xacemento, destacaron que esta comisión deberá fixar un calendario para acometer as obras máis urxentes, consistentes na contención da duna, na reposición do valado e na limpeza manual da zona para protexela da acción das mareas.
Estas actuacións a curto prazo completaríanse, segundo Cacabelos e Font, coa tramitación "rápida e áxil" por parte da Xunta de Galicia para a declaración do Adro Vello como Ben de Interese Cultural (BIC), que permitiría reforzar a súa protección.
Esta primeira acción remataría coa redacción dun plan director do xacemento por parte dun equipo multidisciplinar con persoas expertas en urbanismo, arqueoloxía e medio ambiente.
As actuacións a medio prazo, xa co plan director aprobado, consistirían en redactar un proxecto de escavación e consolidación da área arqueolóxica. Avanzaríase tamén no proxecto de musealización.
Xa a longo prazo, unha vez posta en valor a zona xa escavada a día de hoxe, valorarían o cambio de trazado da estrada provincial, a intervención na zona afectada pola estrada e a musealización nas novas zonas de intervención.