O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores fixo este martes un chamamento aos grupos municipais do Partido Popular e Partido Socialista para que "garantan a gobernabilidade" no Concello de Pontevedra.
"O meu chamamento hoxe é a que os grupos, e falo dos dous grupos, garantan a gobernabilidade. E senón, pois, obviamente, terán que presentar unha alternativa a este goberno", dixo o rexedor da capital.
Para este mércores está convocada unha xunta de portavoces para a organización do pleno da moción de confianza presentada polo alcalde. Nesa sesión plenaria a votación deberá ser dun punto único: aprobar os orzamentos ou non. Aprobalos significa darlle confianza a este goberno do BNG e non aprobalo implica que se abre un prazo dun mes para presentar unha moción de censura.
"Nós dixemos xa, de sempre, que estamos abertos a unha negociación. O Partido Popular dixo que non vai negociar, vai votar en contra claramente, e o Partido Socialista leva moito tempo mareando a perdiz", asegurou Lores.
"Cando o PSOE decidiu non entrar no goberno, porque as súas peticións non eran asumibles no seu momento e decidiron non entrar, eu nunca pensei que esa decisión de non entrar ía significar tamén unha decisión de obstruir e paralizar o funcionamento do Concello. Iso nunca o pensei. Pero a realidade é esa", lamentou.
O alcalde de Pontevedra compareceu este martes nunha rolda de prensa na que sinalou que "cando se produce unha situación de bloqueo ou de obstrución no funcionamento dunha administración pública", o Estado ou as comunidades autónomas teñen un mecanismo que é convocar eleccións "pero no caso dos concellos o único mecanismo que temos é a cuestión de confianza".
Nesa situación "non queda máis remedio que facer unha cuestión de confianza", xustificou.
Tal e como lembrou este martes o alcalde, a moción de confianza é un mecanismo ao que o BNG xa recorreu no ano 2016 cando a corporación municipal estaba formada por cinco grupos políticos: Bloque, PP, PSOE, Marea e Cidadáns. Os nacionalistas tiñan doce concelleiros, a un da maioría absoluta, e gobernaban en solitario.
"A moción de confianza que propuxemos cambiou o voto dalgunha formación política e, por tanto, aprobáronse os orzamentos simplemente por ese mecanismo", lembrou hoxe en referencia ao cambio do sentido de voto do grupo de #Luis Rei, Marea Pontevedra.
No caso de que isto non ocorra nesta nova ocasión, é cando se dá un prazo dun mes para que os grupos municipais presenten unha alternativa do goberno diferente, unha moción de censura.
Neste momento, a día 2 de xaneiro, os orzamentos prorróganse automaticamente. Lembremos que son os orzamentos do 2022, pois o ano pasado xa foron prorrogados. "Iso quere dicir que son uns orzamentos con menos ingresos e menos gastos que os que teriamos no orzamento do 2024", precisou Lores.
A diferenza entre as contas do 2022 e as presentadas para este ano é de máis de 5 millóns de euros.
O alcalde explicou que a Intervención municipal está a estudar os orzamentos "porque hai que reter crédito para unha serie de cuestións que son fundamentais para todo o ano 2024" como é o capítulo de Persoal, os intereses, os contratos activos como os do lixo, auga, electricidade, o Servizo de Axuda no Fogar ou xardíns, que neste ano 2024 son superiores ao orzamento de 2022.
"Iso hai que detraelo doutras partidas" que non sexan imprescindibles como as subvencións sexan deportivas ou culturais, as festas, subministracións… "para poder reter o que obrigatoriamente temos que ter retido no Concello", advertiu o alcalde. Ademais "os investimentos desaparecen, co orzamento prorrogado".
Lores sinalou que isto "dificulta moitísimo o funcionamento ordinario do Concello" polo que fixo un "chamamento ao sentido común" porque, de aquí ao día oito, cando se celebre o Pleno da cuestión de confianza, "pode variar a posición dalgún grupo de maneira que se permita que se aproben os orzamentos, como pasou no ano 2016".
"Están a lle facer dano ao goberno, pero eu creo que o dano o vanllo a facer ao funcionamento normal de todo o Concello", rematou o alcalde.