Chamada a combater a desinformación no inicio do congreso 'As mulleres que opinan son perigosas'

Pontevedra
14 de marzo 2025
Actualizado: 17:18

Este venres 14 comezou no Teatro Principal a primeira xornada do foro que analiza o papel das mulleres na opinión pública, que organizan as xornalistas Diana Varela e Susana Pedreira onde participarán Noelia Adánez, Anna Bosch, Olga Rodríguez ou María Escario

Diana Varela, Sandra Bastos, Anabel Gulías e Susana Pedreira no inicio de As mulleres que opinan son perigosas 2025
Diana Varela, Sandra Bastos, Anabel Gulías e Susana Pedreira no inicio de As mulleres que opinan son perigosas 2025 / Concello de Pontevedra

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este venres 14 a apertura da oitava edición do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas', un foro que reúne a xornalistas e comunicadoras para analizar o papel das mulleres no ámbito da opinión pública.

O acto deste venres comezou cun vídeo onde se lembraron os aplausos da clausura da edición anterior, un novo éxito de público e de conclusións tras dúas xornadas de charla sobre o papel da muller no ámbito da comunicación.

As organizadoras, Diana Varela e Susana Pedreira, deron a benvida aos asistentes ao Teatro Principal, nun acto que contou coa presenza de representantes institucionais como Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Sandra Bastos, deputada de Igualdade; Anabel Gulías, concelleira de Igualdade en Pontevedra; Eva Vilaverde, tenente de alcalde; Yoya Blanco, concelleira socialista; e Silvia Junco, concelleira do Partido Popular.

Diana Varela destacou na súa intervención inicial a necesidade de "volver ás orixes do xornalismo" para "analizar a sobreinformación e a desinformación" que caracterizan a era actual. "Ten que chegar a información de calidade. É un dereito da cidadanía, que informada pode exercer os seus dereitos", afirmou.

Varela aproveitou tamén para agradecer o recoñecemento Meninas de Galicia, que obtiveron as dúas organizadoras de 'As mulleres que opinan son perigosas', e fixo fincapé na importancia da perspectiva feminista no exercicio do xornalismo: "As mulleres xornalistas escribimos e opinamos de todo sen esquecer a perspectiva feminista".

Inauguración do VIII congreso As mulleres que opinan son perigosas
Inauguración do VIII congreso As mulleres que opinan son perigosasConcello de Pontevedra

Pola súa parte, Susana Pedreira destacou o fito de alcanzar as 100 mulleres opinadoras cando finalice esta edición, que pechará coa participación da xornalista de TVE, xa xubilada, María Escario.

"Da indignación quixemos pasar á acción con confianza en que hai mulleres que opinan", sinalou, lembrando que foi en Pontevedra e non nunha grande cidade como Madrid ou Barcelona onde se iniciou este congreso que xa vai pola súa oitava entrega.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, expresou o orgullo que supón para Pontevedra estar ligada ao feminismo: "Somos pioneiras no dereito de que o espazo público é un lugar de todas. Esta cidade foi pioneira en visibilizar as mulleres feminizando o rueiro da cidade", recordou, mencionando o cambio de nome da rúa Juan Carlos I pola de Virxinia Pereira.

"Pontevedra non sería o referente que é se non tivera incluído o feminismo no seu modelo e proceso de cambio da cidade", engadiu Gulías, quen tamén fixo referencia á opinión dos xornalistas locais.

Pola súa parte, a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, recoñeceu que "é moi importante escoitar as mulleres, aprender e saber e ver con respecto as ideas que igual non son as nosas,pero as mulleres temos esa capacidade de confrontar", sinalando a importancia de todas as intervencións que haberá ao longo destas dúas xornadas.

Antía Yáñez e María Piñeiro, gañadoras do II Premio de opinión
Antía Yáñez e María Piñeiro, gañadoras do II Premio de opiniónPontevedraViva

María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras do anterior certame de opinión que organiza o congreso, foron as primeiras en ofrecer a súa perspectiva sobre a situación actual das mulleres nos medios de comunicación.

María Piñeiro, licenciada en Xornalismo e articulista semanal en El Progreso, destacou na súa intervención que "aínda hai mulleres que non falan o suficiente e quedan moitas por escoitar".

Fixo referencia ao libro "Reacción" de Susan Faludi, sobre o contraataque á loita das mulleres tras lograr cotas de igualdade nos anos 90 sinalando que, na actualidade, se está a producir unha situación similar.

Pola súa banda, Antía Yáñez, enxeñeira de camiños e membro do comité de redacción de Luzes, citou un estudo que revela que "só o 15,5% dos artigos de opinión dos principais xornais galegos están asinados por mulleres", unha cifra que cualificou de "alucinante". "Teñen que decatarse de que estamos cegas nós pero tamén os homes, porque falta máis do 50% da poboación na opinión", subliñou.

O congreso continuará ata mañá sábado cun amplo programa  con intervencións de destacadas xornalistas como Noelia Adánez, Aida Bao, Anna Bosch, Raquel Rosa, María Hermida, Olga Rodríguez e María Escario, entre outras, abordando temas como o xornalismo de investigación, a violencia machista e a información internacional.

A entrada ao Teatro Principal é libre e tamén poden seguirse as intervencións en directo vía streaming.

Yoya Blanco, Silvia Junco e Eva Vilaverde seguindo o foro
Yoya Blanco, Silvia Junco e Eva Vilaverde seguindo o foroConcello de Pontevedra