A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, quere animar o Nadal de Pontevedra cun parque aventura no que convida á rapazada e ás súas familias a realizar diferentes actividades lúdicas e pedagóxicas en diferentes espazos naturais do municipio.
A primeira das actividades previstas será unha xincana dirixida a toda a familia, que se desenvolverá o mércores 28 e o xoves 29 de decembro en horario de 16:00 a 18:00 horas na Illa das Esculturas, con probas como un rastrexo de follas, empregar recursos presentes neste espazo natural para xerar cousas de utilidade ou buscar caixas niño, entre outras.
Para o venres 30 de decembro deseñouse a actividade Busca do Elfo de Nadal, que se desenvolverá en horario de 16:00 a 18:00 horas polo río dos Gafos (o punto de inicio será no entronque das rúas do Gorgullón e Estación, entre as estacións de trens e autobuses, onde un monitor fará os labores de captación de xente).
Nesta actividade pedirase a participación da cidadanía, principalmente dos máis mozos, para localizar un pequeno elfo que se perdeu despois da visita de Papá Noel e que está tentando atopar o seu fogar.
A última das actividades previstas é un día en familia no parque da Praza de Europa, en Monte Porreiro que se celebrará o martes 3 de xaneiro. Música e xogos populares protagonizarán unha xornada lúdica na que os premios consistirán en diferentes variedades de plantas e que se prolongará ata as 18:30 horas.