CGT-Pontevedra convoca unha xornada de folga o 14 de marzo baixo o lema 'Paremos o xenocidio en Palestina'

Pontevedra
07 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A folga estará acompañada por unha manifestación apoiada polos colectivos 'Pontevedra-Palestina'. A marcha está previsto que se inicie na praza do Hospital Provincial ás 20.00 horas e concluirá diante da Subdelegación do Goberno

Cartel da convocatoria de folga en defensa de Palestina
Cartel da convocatoria de folga en defensa de Palestina

Co obxectivo de parar "o xenocidio que está a levar Israel, co apoio, financiamento e amparo de Estados Unidos e a Unión Europea" nace unha convocatoria de xornada de folga para o xoves 14 de marzo.

O sindicato CGT-Pontevedra realiza esta convocatoria facendo un chamamento a que se somen persoas que traballan nas administracións do Estado central, Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Pontevedra; ademais de persoal de centros educativos de ensino secundario, formación profesional e universitaria.

O colectivo convocante reclama a ruptura inmediata dos gobernos con Israel en todos os ámbitos xa sexa diplomático, político, económico ou comercial.

Ademais, demanda a sanción e embargo a todas as empresas, públicas ou privadas, que "manteñan e amparen o comercio de armas con Israel ou colaboren na colonización ilegal de terras palestinas, particularmente nas zonas ocupadas militarmente".

A xornada de folga prevista contaría tamén cunha manifestación de solidariedade con Palestina, que está prevista para as 20.00 horas do día 14. Partirá da praza do Hospital Provincial e percorrerá o centro de Pontevedra ata chegar á Subdelegación do Goberno. Esta marcha está apoiada polos colectivos 'Pontevedra-Palestina'.