O sindicato CGT-Pontevedra desenvolveu unha xornada solidaria co pobo palestino ao longo deste xoves 14 de marzo.
Convocaban unha folga en todas as oficinas administrativas do municipio, que culminaba cunha manifestación convocada pola CGT co apoio dos colectivos 'Pontevedra-Palestina'.
A marcha iniciábase desde a praza do Hospital Provincial, en Loureiro Crespo, e finalizaba ante a Subdelegación do Goberno.
Ao berro "Dende o río ata o mar, Palestina vencerá" ou "As nenas de Gaza non son unha ameaza", a marcha reclamou a abolición do "réxime de apartheid e ocupación militar" ademais de denunciar que "a matanza e asedio de Gaza e Cisxordania por Israel é terrorismo de Estado".
Os dirixentes do sindicato reclaman a paralización do "xenocidio" que realiza o Estado de Israel contra a poboación de Palestina. Denuncian o apoio, financiamento e amparo por parte de Estados Unidos e da Unión Europea a eses ataques.
Na protesta esixiron que o goberno español e tamén todas as administracións autonómicas e locais rompan de maneira inmediata as relacións con Israel nos ámbitos diplomáticos, políticos, económicos e comerciais.
A esta petición súmase a demanda de sancións e embargos a todas aquelas empresas, públicas e privadas, que manteñan e amparen o comercio de armas con Israel ou colaboren coa "colonización ilegal" das terras palestinas.