Tras un longo procedemento administrativo, o novo contrato de mantemento e conservación de xardíns e zonas verdes de Pontevedra xa ten adxudicatario. A mesa de contratación propuxo a empresa Cespa, tras obter a mellor puntuación por parte dos técnicos municipais.
É, sinalou Raimundo González, a que presentou unha oferta económica máis vantaxosa para o Concello. En concreto, Cespa asumirá este servizo os próximos catro anos (prorrogables dous máis) e cobrará anualmente 613.750 euros, IVE incluído.
A empresa, que logrou 89,43 puntos de valoración fronte aos 87,40 de Orto Parques y Jardines e 86,86 de Elsamex, asumirá sen custo ningún para as arcas municipais os 100.000 euros nos que estaban valoradas unha serie de melloras como a compra de plantas actuacións en gabias e beirarrúas, a mellora de xardíns ou a plantación de árbores.
Cespa subrogará os trece traballadores actuais e contratará dous novos oficiais de xardinaría.
Ademais, asumirá o coidado e conservación de 119.628 metros cadrados a maiores que non estaban incluídos no prego de contratación. Trátase do ámbito das casas de cultura da Devesa, Meán, Cons e Lusquiños; o parque forestal do Pontillón do Castro, a zona verde de Conde de Bugallal, a senda fluvial do Lérez ata Bora e case 14.000 metros cadrados de xardíns en Valdecorvos.
Ata agora, Elsamex cobraba uns 515.000 euros mensuais, pero o goberno municipal xustifica este aumento no maior número de empregados que terá o servizo e no notable incremento das áreas e zonas verdes que se incluíron no novo contrato.