O sindicato médico CESM (Confederación Estatal de Sindicatos Médicos) denunciou este martes 5 de xullo unha nova situación problemática no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo. Sinalan que outros 26 pacientes se atopaban, a primeiras horas da mañá, ingresados á espera dunha cama; dous destes pacientes atopábanse contaxiados por covid, repetíndose un escenario similar ao do luns.
O sindicato sinala que a xerencia estaba a estudar durante a mañá a posibilidade de abrir a planta de Medicina Interna.
Enrique Marra-López, representante de CESM, aproveita tamén para criticar as declaracións efectuadas durante as últimas horas polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández. Nestas declaracións explicaba que un número de profesionais de Urxencias atópase ausente por enfermar de covid-19 e por atoparse en período vacacional coincidindo con este incremento de pacientes no servizo cun aumento de ingresos en planta. Desde a xerencia sinalaban que se estaban xestionando os ingresos distribuíndo aos pacientes de maneira gradual.
Para Marra-López estas declaracións presentan "tantas incongruencias" que mostran que "se coge antes a un mentiroso que a un cojo". Pregúntase se Gómez Fernández non considera necesario abrir as camas non operativas nunha situación na que 26 pacientes permanecen con orde de ingreso e "por tanto, en situación de necesitar coidados de hospitalización" agardando en padiolas situadas en corredores e zonas de paso. O representante sindical alerta sobre estes pacientes que carecen de acceso a baño privado, comidas e ao "máis mínimo respecto e consideración que precisa un ser humano nestas circunstancias".
Por último, lanza un chamamento ao presidente da Xunta de Galicia, o pontevedrés Alfonso Rueda, ao que pregunta "se el ou algunha persoa próxima a el estivesen nestas mesmas circunstancias" que os enfermos que agardan nos corredores "sería da mesma opinión que este xerente que el considerou adecuado para manterlle no cargo".