Que o Concello de Pontevedra se faga cargo do tramo da N-550 entre Pasarón e Touceda (Alba) non só permitirá desbloquear a construción da variante de Alba e humanizar a avenida de Compostela. Provocará unha terceira consecuencia, máis vivendas na cidade.
A bolsa de solo urbano que está sen desenvolver, na marxe esquerda da avenida, deixará de estar afectada pola actual lei de estradas, que facía inviable o seu aproveitamento urbanístico, ao establecer unha franxa de protección de até 50 metros coa N-550.
Así o explicou o edil responsable da área de infraestruturas e mobilidade, César Mosquera, que estima que en todas esas parcelas existe superficie para unha edificabilidade que "seguro que pasa das mil vivendas".
Agora mesmo toda esa zona "estaba no limbo", sostivo Mosquera, que entende que ao eliminarse esa franxa de protección haberá interese por parte das promotoras para construír novas vivendas que aumenten o parque inmobiliario da cidade.
A estes terreos, o concelleiro do BNG sumou tamén outros solares que poderían ter aproveitamento urbanístico ao longo do trazado da N-550 que será cedido ao Concello, na Ferreira (Lérez) ou Touceda (Alba), polo que ese número de vivendas podería ser maior.
"Estamos a falar dunha edificabilidade moi substancial e que fai falta", destacou.
Que estes tres quilómetros da N-550 deixen de ser de titularidade do Estado e pasen ao inventario municipal terminará tamén cunha problemática "moi importante" que sufrían os residentes que viven a ambas as marxes desta estrada.
Así, segundo subliñou o responsable municipal de infraestruturas, a protección activa sobre a estrada N-550 impedía que os seus propietarios, preto dun centenar ao longo do seu trazado, puidesen "remodelar ou actualizar" as súas vivendas.
Ao decaer esta protección, que até agora só lles permitía "cambiar tellas e pouco máis", todos os inquilinos poderán abordar toda unha serie de reformas que permitan que as súas vivendas se adapten aos estándares actuais de confortabilidade.