César Poza urxe a Costas o informe necesario para reformar o porto de San Adrián

Vilaboa
07 de novembro 2023

O alcalde de Vilaboa tamén pide á Xunta "que non busque excusas e que non se escude na falla dun informe para condenar á flota local a un ano máis de retrasos"

Porto de San Adrián de Cobres (Vilaboa)
Porto de San Adrián de Cobres (Vilaboa) / Terras de Pontevedra

O goberno local de Vilaboa esixe á Xunta de Galicia que dote o orzamento autonómico para 2024 dunha partida para acometer os traballos de reforma do porto de San Adrián. 

Tamén insta a Portos de Galicia a ter os cartos para iniciar os traballos no momento en que teña o expediente completo e pídelle "que non busque excusas nin se escude na falla dun informe sectorial para condear á flota local a un ano máis de retrasos".

O alcalde de Vilaboa, César Poza, solicitou á Dirección General de Costas do Estado a axilización do informe sectorial solicitado pola administración autonómica para engadir ao proxecto de remodelación do porto de San Adrián. Poza trasladoulle esta premura ao xefe do Servizo Provincial de Costas na última xuntanza mantida para abordar a ampliación da senda nas Salinas de Ulló.

O goberno local confía, polo tanto, en que a Dirección General de Costas priorice a elaboración do mencionado informe "de xeito que en cuestión de meses esté a disposición da Xunta", motivo polo cal considera "inaceptable" que o goberno autonómico non teña dotado ao proxecto do porto de San Adrián de partida orzamentaria suficiente, "botando balóns fóra e culpando a outra administración do seu desinterese por executar un proxecto amplamente demandado e esperado tanto pola flota da ría de Vigo como pola veciñanza de Vilaboa".

O goberno local pregúntase "cal será o argumento que esgrimirá a Xunta cando chegue o informe sectorial de Costas e careza de partida para iniciar os traballos". 

"Nós tivemos que esperar casi un ano para que nos recibira a conselleira e falar da PO-264, en Paredes. Deben pensar que o resto das administracións xestionan os tempos igual que eles", apuntan desde o goberno local.

"Desde Vilaboa pedímoslle á Xunta que teña os cartos preparados para licitar a obra no momento que chegue o informe", e engaden que a reforma do porto de San Adrián e o de Santa Cristina precisan unha partida de 3.000.000 de euros. "Que se preocupen menos do que está en mans do goberno central e que se preocupen de ter todo a punto para executar os traballos", rematou César Poza.