O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, tomou a palabra este mércores no Urban Thinkers Campus (UTC) "En transición cara cidades máis habitábeis", de Barcelona.
O edil pontevedrés foi un dos poñentes da mesa de debate "Reclamando espazos públicos para a comunidade".
Xunto a el, estiveron Francesc Muñoz, director do Observatorio da Urbanización da Universidade Autónoma de Barcelona e do International Master’s Degree in Landscape Intervention and Heritage Management; Ricard Pie, redactor de varios proxectos de ordenación urbana e redactor do Plan Metropolitano de Barcelona e Tonet Font, arquitecto e asesor de Innovación Social do Concello de Barcelona.
Ante un auditorio de técnicos, profesionais e responsables políticos, o concelleiro de Infraestruturas sinalou os piares necesarios para levar adiante un proxecto de transformación urbana exitoso como é o modelo Pontevedra: a necesidade de ter un proxecto claro e definido previo á posta en marcha da intervención no espazo publico xunto coa a decisión inequívoca e valente de levar adiante o proxecto e o obxectivo de construír un espazo o máis útil e funcional posible, que dea resposta as necesidades das persoas.