Cun brinde coas autoridades municipais. Así comezou oficialmente a edición número trece da festa de San Patricio, organizada polo Mareantes Rugby Club.
Até o vindeiro domingo 16 de marzo, miles de persoas pasarán pola carpa situada na Praza de España para probar as cervexas que se servirán nesta ocasión, as tradicionais Guinness -rubia, vermella e negra- e a artesá que elabora a compañía Nasa.
Salchichas, hamburguesas ou xamón asado forman parte tamén do menú dun festival que ten opcións veganas e sen gluten e que, como gran novidade, inclúe un curso de elaboración de cervexa artesá, que se celebrará este xoves 13 de marzo, a partir do sete da tarde.
Na carpa de San Patricio, que abrirá de doce da mañá a doce da noite, haberá tamén concertos.
Nos próximos días actuarán A&M (xoves, 21:00 horas), Sr. Nilsson (venres, 20:00 horas), FunKuba (venres 22:00 horas), Flameco (sábado, 20:00 horas), Son das Tabernas (sábado 22:00) e Sudden Ray of Hope, xa o domingo ás 13:00 horas.
Ademais, ese mesmo domingo, o Mareantes renderá homenaxe aos pioneiros do rugby en Pontevedra, que en 1978 impulsaron o seu primeiro partido contra un equipo de Vigo.
Así, haberá un encontro de veteranos, ás 13:30 horas, no campo de rugby de Monte Porreiro e, a continuación, a confraternización continuará co terceiro tempo e o acto propio de homenaxe na carpa da Praza de España.