"Certificación con Excelencia" para o CHOP pola atención á enfermidade inflamatoria intestinal

Pontevedra
03 de xullo 2019

Trátase dunha acreditación que sitúa ao centro sanitario como hospital de referencia e recoñece a calidade asistencial e investigadora desenvolta pola Unidade para o Coidado Integral da Enfermidade Inflamatoria Intestinal 

Entrega da Certificación con Excelencia como unidade de atención integral a pacientes con esta patoloxía ao CHOP
Entrega da Certificación con Excelencia como unidade de atención integral a pacientes con esta patoloxía ao CHOP / Servizo Galego de Saúde

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra acaba de recibir a Certificación con Excelencia como unidade de atención integral a pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal, unha acreditación que sitúa ao centro sanitario como hospital de referencia e recoñece a calidade asistencial e investigadora desenvolta pola Unidade para o Coidado Integral da Enfermidade Inflamatoria Intestinal.

O acto de entrega da certificación tivo lugar este mércores no Hospital Montecelo e estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que destacou que se trata do maior recoñecemento para estas unidades ao seu labor na atención da enfermidade inflamatoria intestinal en España, catalogándoas como referente a nivel rexional e internacional. 

O servizo de Dixestivo é o primeiro da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o segundo de Galicia en recibir esta acreditación. Xa o recibira antes a área sanitaria de Ferrol. 

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra creouse no ano 2012, aínda que xa desde 2002 contaba cunha consulta específica para atender a estes pacientes. Na actualidade, presta atención a máis de 1.400 persoas con Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa

Segundo os datos facilitados polo conselleiro, esta Unidade recibe 75 novos pacientes cada ano que son tratados por un equipo multidisciplinar integrado por catro médicos especializados en dixestivo e unha enfermeira. Ademais, colabora estreitamente con cinco cirurxiáns, unha radióloga e unha pediatra. 

Este recoñecemento xorde do Programa de Certificación das Unidades de Atención Integral a pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal, desenvolto e impulsado polo Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa -GETECCU-, auditada pola empresa Bureau Veritas e co apoio da biofarmacéutica AbbVie. Para logralo, esta Unidade superou unha auditoría externa e independente.

O doutor Daniel Carpio, responsable da Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal recoñecida, sinalou que un dos obxectivos da Unidade é ofrecer a mellor asistencia específica aos pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal e que, con respecto ao seu prognóstico, o máis importante é que se trata dunha patoloxía crónica que afecta a persoas relativamente novas e que mingua a súa calidade de vida.

Os puntos clave para a súa atención son un diagnóstico precoz de cada paciente, manter a adherencia ao tratamento e non suspender as medicacións antes de tempo. Ademais, segundo o doutor Carpio, a innovación é "unha constante" nesta Unidade.