A Xunta Coordinadora Semana Santa de Pontevedra presentou as actividades que baixo a lema "Vive a Coresma. Prepara a túa Semana Santa" servirán de preludio á Semana Grande.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Ramón Peón, "imos tentar que Pontevedra viva un pouquiño máis intensamente, máis pegada ás confrarías, máis pegada ás procesións, esta Semana Santa que ten".
Para iso organizáronse unha serie de actividades. Entre as máis destacadas atópase o primeiro Certame de Bandas de Confrades que se celebrará os sábados 29 de marzo e 12 de abril, ás 17.30 horas, polas prazas e rúas do centro histórico.
Serán en total cinco bandas de tambores e cornetas das confrarías de Pontevedra, tres un sábado e dous o outro, que se concentrarán na Praza de España. E a partir de aí, por medio duns pequeno pasarrúas chegarán á Praza da Ferrería, á Praza de Curros Enríquez e á Avenida de Montero Ríos, onde farán unha actuación.
Esta programación tamén inclúe un concerto de música sacra e procesional na Igrexa conventual de San Francisco ofrecido pola Banda de Música de Pontevedra o domingo 30 de marzo ás 17.00 horas.
Rosanna López Salgueiro fará o pregón da Semana Santa 2025. "Cando llo propuxemos tivo unha explosión de alegría tremenda", comentou Ramón Peón, "dixo que ía facer un pregón moi distendido e moi participativo", adiantou.
A lectura do pregón será no Teatro Principal o luns 31 de marzo ás 20.00 horas e neste acto tamén se homenaxeará a Celestino Peón que durante 40 anos presidiu a Xunta Coordinadora da Semana Santa e que este ano deixou de selo por motivos de saúde.
José Luís Ageitos, secretario da Xunta, explicou que por primeira vez desde que se funda en 1949 a Xunta Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra, o cartel anunciador non inclúe algunha imaxe das moitas que procesionan durante eses días polas rúas da Boa Vila.
Nesta ocasión, con motivo da celebración do Ano Castelao, a conmemoración do 75 aniversario do seu falecemento, a Xunta Coordinadora decidiu sumarse a esta efeméride escollendo para o seu cartel un debuxo feito polo ilustre galeguista no ano 1921.
Nese ano, Castelao, grazas a unha pensión da Xunta de Ampliación de Estudos, puido facer durante nove meses unha viaxe por Europa na que percorreu Francia, Bélxica e Alemaña. Esa viaxe tiña a finalidade de estudar e aprender técnicas de gravado.
O 30 de setembro de 1921, tal e como recolle no diario que escribiu durante eses nove meses, Castelao atopábase visitando o Museo Nacional de Baviera, en Múnic, e nunha das súas salas atopouse cunha imaxe que representaba a entrada de Xesucristo en Xerusalén, da cal fixo un debuxo, que é o que escolleron para ilustrar o Cartel da Semana Santa de 2025.
Ese debuxo de Castelao, segundo algúns autores, serviu como modelo para que, fai tamén 75 anos, o escultor compostelán Manuel Miranda Punín tallase a imaxe da entrada de Xesucristo en Xerusalén, á que os pontevedreses chaman cariñosamente "a borriquita".
Deste xeito o cartel suma dúas conmemoracións, o ano Castelao e o 75 aniversario da realización da nosa Borriquita.

O venres 11 de abril, ás 20.00 horas, sairá da Igrexa de San Xosé a procesión da Virxe das Dores.
É a primeira das procesións que xa se vén celebrando desde hai uns anos en Pontevedra e que sae acompañada da confraría da nosa Señora do Amor Fermoso e algunhas representacións do resto de confrarías. Percorre a Praza de Galicia, a rúa Andrés Muruais, Peregrina e Praza da Peregrina e despois terá a volta polo mesmo percorrido até a igrexa de San Xosé.