Cerimonia e homenaxe en Terranova aos falecidos no Villa de Pitanxo: "Hoxe sentímonos preto dos nosos"

Marín
21 de xuño 2024

María José de Pazo, portavoz das familias, amosaba o agradecemento polo acto desenvolvido este 21 de xuño en San Xoán de Terranova (Canadá) coa instalación da última placa en lembranza dos 21 mariñeiros desaparecidos na traxedia marítima acontecida o 15 de febreiro de 2022

Familiares coa bandeira das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova
Familiares coa bandeira das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova / PontevedraViva

Este venres 21 de xuño era a data escollida para realizar a última homenaxe ás vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo, no que desaparecían 21 mariñeiros o 15 de febreiro de 2022.

O parque Harbourside de San Xoán en Terranova (Canadá), situado nas proximidades do peirao ao que chegaron os restos de nove dos mariñeiros e tamén tres sobreviventes da traxedia, conta xa coa última placa que as familias foron instalando durante os últimos meses reclamando xustiza.

O acto oficial iniciábase ás 11.30 horas, hora canadense, co descubrimento da placa coa presenza de numerosas personalidades de institucións do país no que se producía o naufraxio, ademais dun representante da Coroa británica que se atopa en Terranova, segundo relataba María José de Pazo, portavoz das familias.

Na cerimonia de homenaxe interviña Alfredo Martínez Serrano, embaixador de España en Canadá, do mesmo xeito que a propia María José de Pazo lembrando a dura perda para tantas familias.

Ademais de autoridades locais, tamén asistiu o xefe do servizo de rescate de Halifax, que estivo ao mando da misión durante o 15 de febreiro de 2022 e quen atendera ás familias nunha videoconferencia na embaixada de Canadá, ademais de remitirlles explicacións sobre o procedemento por escrito.

Tamén houbo unha especial dedicación por parte da dotación da patrulleiro Tarifa, pertencente á Armada, coa achega dunha coroa floral diante da placa homenaxe.

"Non puido ser máis bonito", admitía despois da súa intervención no parque que se atopa en liña recta co lugar onde se producía o afundimento do barco.

"Hoxe sentímonos preto dos nosos", afirmaba, "ás doce familias que nos faltan os corpos, hoxe estivemos máis preto que nunca deles". No lugar da cerimonia colgábase unha bandeira co nome e a imaxe dos 21 mariñeiros falecidos.

Ao final do acto cantábase a Salve Mariñeira, interpretada por integrantes da Armada co recordo a toda a xente do mar, "aos que non están e aos que están a navegar", indicou De Pazo.

"Choramos, emocionámonos, pero mereceu a pena vir por eles", recoñeceu a portavoz que estivo acompañada por outros dez familiares.