Cerdedo prepárase para acoller a quinta edición da Xuntanza da Terceira Idade

Cerdedo-Cotobade
07 de setembro 2024

Os maiores de Cerdedo-Cotobade volverán a contar con evento no que reencontrarse. Será na quinta edición da Xuntanza da Terceira Idade, que terá lugar o vindeiro venres 20 de setembro, no pavillón municipal de Cerdedo

IV Xuntanza da Terceira Idade de Cerdedo-Cotobade
IV Xuntanza da Terceira Idade de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

Os maiores de Cerdedo-Cotobade volverán a contar con evento no que reencontrarse. Será na quinta edición da Xuntanza da Terceira Idade, que terá lugar o vindeiro venres 20 de setembro, no pavillón municipal de Cerdedo.

Esta festa, organizada polo Concello, terá un custo de 20 euros por persoa.

As persoas que poderán participar neste evento deberán estar empadroadas, ter 65 anos ou ser pensionistas con 55 anos, así como os cónxuxes de ambos.

As persoas non empadroadas nacidas en Cerdedo-Cotobade e os seus cónxuxes poderán participar pagando a totalidade do prato. Tamén poderán participar fillos con discapacidade intelectual acompañados dun adulto e maiores do fogares residenciais do municipio.

A xuntanza iniciarase ás 13:30 horas cun acto relixioso na igrexa de San Xoán Bautista de Cerdedo, ao que seguirá un xantar de confraternidade, rematado o cal haberá diversas actividades culturais e de lecer.

O Concello porá a disposición dos veciños autobuses para que todo o mundo poida acudir ao xantar, pero deberán comunicalo no momento da inscrición. 

Tamén poden chamar o Concello para coñecer cales van ser as paradas e o horario de recollida dos participantes que queiran usar este modo de transporte gratuíto.

Para formalizar a inscrición, as persoas interesadas poderán facelo do 9 ao 18 de setembro de 10:00 a 13:00 horas nas oficinas dos servizos sociais de Cerdedo-Cotobade e nas sedes dos clubes de xubilados de Tenorio e Viascón.

O alcalde, Jorge Cubela, destaca que nestas xuntanzas "vívense momentos moi emotivos", ao ser unha iniciativa que "permite seguir establecendo lazos e vencellos de boa veciñanza que ás veces e por mor das distancias quedan esmorecidos e que así se revitalizan".