Cerdedo-Cotobade aborda coa Xunta políticas de emprego que favorezan a fixación de poboación no territorio

Cerdedo-Cotobade
04 de marzo 2025

Na xuntanza abordáronse as oportunidades que ofrece para o desenvolvemento local e para as empresas asentadas no municipio o plan de atracción de talento exterior que está a impulsar a Xunta.

Jorge Cubela e José González
Jorge Cubela e José González /

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo unha reunión co alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, co obxectivo de avanzar na colaboración entre ambas administracións no fomento das políticas activas de emprego encamiñadas á cobertura das principais vacantes laborais que rexistra a contorna.

Outro dos obxectivos é a fixación de poboación no territorio, garantindo así a remuda xeracional.

En paralelo ás medidas orientadas a impulsar a forza laboral interna, na xuntanza abordáronse as oportunidades que ofrece para o desenvolvemento local e para as empresas asentadas no municipio o plan de atracción de talento exterior que está a impulsar a Xunta.

Este Plan conta cun orzamento total de máis de 11 millóns de euros e con foco nos galegos retornados.

Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, está en marcha a segunda edición do Programa Retorna Cualifica Emprego.

O obxectivo é favorecer a volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe.

A convocatoria busca acadar resultados pegados á realidade de cada territorio en liña coas necesidades de man de obra das empresas.

A isto se engade unha atención integral que facilite a inserción social laboral dos traballadores, incorporando tamén apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda.