Cerdedo-Cotobade xa pensa no verán... e en favorecer a conciliación

Cerdedo-Cotobade
09 de febreiro 2018

O Concello está a artellar a potenciación do seu pioneiro programa de conciliación estival centrando novamente os seus esforzos no desenvolvemento e a organización da iniciativa Campalledo e de tres ludotecas distribuídas polas parroquias de Carballedo, Tenorio e Cerdedo

Edición anterior dunha ludoteca en Cerdedo-Cotobade
Edición anterior dunha ludoteca en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten a mirada posta no próximo verán. Non é que desexen a calor estival, é que están a artellar como poder potenciar as actividades que puxeron en marcha no pasado para mellorar a conciliación laboral e familiar durante eses meses nos que os pequeños do municipio no teñen curso escolar. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, queren darlle un impulso ao seu pioneiro programa de conciliación estival centrando novamente os seus esforzos no desenvolvemento e a organización do Campalledo e en tres ludotecas nas parroquias de Carballedo, Tenorio e Cerdedo.

A organización corre a cargo da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e o goberno local anunciou que pretende dotar a este programa dun peso específico nos orzamentos municipais de 2018 para que siga a manter a súa liña crecente despois de que o pasado verán se incrementaran as prazas nun 75% por mor da elevada demanda. 

O obxectivo final pasa por engraxar o programa e as necesidades  de persoal e materiais para poder atender a máis de 150 rapaces promovendo a súa formación e lecer e facilitando a vida laboral dos seus pais.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destaca que estas actividades en pro da conciliación son "fundamentais" e que "os gastos para formación e coidado de rapaces e para que as familias se sintan amparadas e poidan ter un respiro e conciliar a súa vida laboral son os que asumimos con máis gusto porque estamos facendo de Cerdedo-Cotobade un lugar onde a xente quere vivir".

Trátase de actividades que se desenvolven entre xullo e agosto para nenos a partir de catro anos. En principio, manterase o esquema de actividades con Campalledo 2018 distribuído en dúas quendas con réxime de pernocta no mes de xullo e tres ludotecas en Carballedo, Tenorio e Cerdedo entre xullo e agosto.