Cerdedo-Cotobade xa advertira a Madrid dos problemas de drenaxe e adherencia da N-541

Cerdedo-Cotobade
28 de decembro 2023

"Non é momento de reproches nin de buscar culpables", apuntou Cubela, ao entender que neste momento hai que "ser prudentes" e gardar "respecto" á memoria dos sete falecidos. Pero sostén que eses problemas "están aí" e confía en que este tráxico accidente sirva de "punto cero" para que o Ministerio de Transportes "sexa sensible" e acometa unha reforma integral desta estrada

Autobús accidentado en Cerdedo
Autobús accidentado en Cerdedo / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, denunciou este mércores os problemas de adherencia e drenaxe que se rexistran no firme da estrada N-541, onde se produciu o accidente do autobús.

"Non é momento de reproches nin de buscar culpables", apuntou Cubela en declaracións a PontevedraViva, ao entender que neste momento hai que "ser prudentes" e gardar "respecto" á memoria dos sete falecidos e á dor das súas familias e achegados.

Pero o rexedor sostén que eses problemas "están aí" e confía en que este tráxico accidente sirva de "punto cero" para que o Ministerio de Transportes "sexa sensible" e acometa unha reforma integral desta estrada, pola que pasan "miles de coches" cada día.

Sobre esta N-541, Jorge Cubela lembrou que é unha das principais vías de conexión entre as provincias de Ourense e Pontevedra e, nos tramos que atravesan Cerdedo-Cotobade, "pasan tamén moitos camións con mercadorías e autobuses".

Esta reivindicación, segundo o alcalde pontevedrés, "vén de lonxe" pero foi reiterada hai apenas tres meses, o pasado mes de setembro, ao rexistrarse varios accidentes de tráfico, un deles unha saída de vía similar no mesmo punto no que se accidentou o autobús.

Alí, subliñou o rexedor, acumúlase auga "cando chove moito" por un deficiente sistema de drenaxe, agravado pola auga que procede dos regatos de montaña, o que provoca problemas de adherencia aos vehículos que circulan pola zona.

Esta circunstancia agravouse, engadiu, tras unha actuación realizada neste punto hai catro anos para mellorar a conectividade con outras estradas secundarias.

"Isto foi un accidente, pero desde os últimos anos levamos demandando unha mellora integral da capa de rodadura da N-541", sinalou Cubela, que asegurou que a mala adherencia da calzada repítese en todo o tramo que discorre polo municipio.

O alcalde sentencia que, ante esta situación, "xa non valen parches" ou continuar asfaltando a estrada por pequenos tramos, polo que reiterou que Madrid "ten que ter máis sensibilidade cos pobos pequenos", algo que é cuestión de "vontade política".

Arquivado en