Cerdedo-Cotobade sustenta nun informe da empresa Tysgal as 25 alegacións contra o Parque Eólico Monte do Pé

Cerdedo-Cotobade
28 de febreiro 2023

O estudio detecta incumprimentos das consideracións xurídicas, técnicas, afeccións sobre os dereitos da veciñanza, a hidroloxía, a paisaxe, a fauna, a flora, espazos naturais protexidos, entre outras

Parque eólico
Parque eólico / Juan Mejuto

O Concello de Cerdedo-Cotobade sustenta o informe negativo fronte á instalación do Parque Eólico Monte do Pé nun total de 25 alegacións preparadas pola empresa Tysgal, especializada en temas medioambientais contratada pola administración local para argumentar legal e científicamente a oposición a saturación deste tipo de infraestruturas no municipio.

Nestes momentos atópase sometido a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do Parque Eólico Monte do Pé, situado nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, promovido por Green Capital Power, S.L.

Entre as consideracións que realiza o informe municipal figuran unhas de carácter xurídico, técnico, de afeccións sobre os dereitos da veciñanza, a hidroloxía, a paisaxe, a fauna, a flora, espazos naturais protexidos, entre outras.

Ademáis o informe municipal argumenta que o proxecto do Parque eólico Monte do Pé, con catro aeroxeneradores, "non está debidamente xustificado como de Interese para Galicia", xa que, entre outras razóns, non se analizaron tampouco os danos económicos ligados ao uso do monte. 

Entre outras alegacións apunta que a especie de ave "papuxa do mato" catalogada en perigo de extinción no Libro Rojo de las Aves de España está presente na zona de implantación do proxecto.

 

Arquivado en