Cerdedo-Cotobade sinalizará doce espazos sen fume no municipio

Cerdedo-Cotobade
13 de maio 2024

A Asociación Española Contra o Cancro formalizou un convenio co Concello de Cerdedo-Cotobade polo que se acorda liberar do fume do tabaco un total de doce espazos na localidade 

Sinatura do convenio entre a AECC e o Concello de Cerdedo-Cotobade
Sinatura do convenio entre a AECC e o Concello de Cerdedo-Cotobade / AECC Pontevedra

Co obxectivo de facilitar a adopción de hábitos de vida saudable e poñer freo ao impacto do tabaco, sobre todo nos menores, a Asociación Española Contra o Cancro impulsa o proxecto espazos sen fume no Concello de Cerdedo-Cotobade.

Así o formalizaron a presidenta provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Ana García e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela mediante a firma dun convenio para a inclusión da localidade neste proxecto. 

Con esta firma formalízase a adhesión a este programa de prevención do tabaquismo que se traducirá na conversión dun total de doce zonas en áreas libres do fume.

Son as praias fluviais da Chan - Carballedo, de Cabanelas, de Xesteira, de Pozo Negro, de Calvelo, de Cerdedo, as áreas recreativas de Carballeira de Famelga e de Carballeira de Fondós, as entradas e o interior das instalacións do Campo Fútbol As Extremas, e as entradas dos pavillóns de Tenorio, Carballedo e Cerdedo.

Esta iniciativa supón unha prohibición de fumar, sen sanción, nas zonas que serán sinalizadas nas próximas semanas.

"Trátase dunha medida de concienciación, que pretende que os veciños da localidade adopten hábitos saudables nestes espazos e fáganse conscientes da necesidade de coidar tanto o medio que utilizan como ás persoas que se atopan nel", afirma Lola Andújar, técnica de prevención da Asociación Española Contra o Cancro.

Neste mesmo sentido, Ana García, presidenta da entidade lembrou que "a xente nova e os nenos teñen dereito a respirar aire libre de fume" e quixo destacar a aposta que efectúa con este convenio o Concello de Cerdedo-Cotobade, ao que se referiu como "un exemplo".

No acto, acompañaron á presidenta da asociación e ao alcalde, Lola Andújar e Adolfo Santos, técnica de prevención e xerente da Asociación Española Contra o Cancro respectivamente e Cristina Tomé, técnica de Medio Ambiente do Concello de Cerdedo-Cotobade.