Cerdedo-Cotobade recupera a Ruta das Pontes do Lérez para explotar o seu potencial turístico

Cerdedo-Cotobade
03 de marzo 2021

O Concello ten en carteira un proxecto que implica a limpeza, conservación e rehabilitación das pontes de Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo, un punto de atracción turística nun momento no que o alivio das restricións derivadas da pandemia da covid-19 leva a que un número crecente de visitantes ao municipio  

Ponte de Pedre
Ponte de Pedre

O Concello de Cerdedo-Cotobade ten en carteira un proxecto que implica a limpeza, conservación e rehabilitación das pontes de Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo ou, o que é o mesmo, a recuperación da Ruta das Pontes sobre o Lérez. 

Esta ruta implica un punto de atracción turística de Cerdedo-Cotobade nun momento no que o alivio das restricións derivadas da pandemia da covid-19 leva a que un número crecente de visitantes ao municipio.

O Concello destaca que con esta actuación busca protexer o enorme patrimonio arquitectónico e etnográfico que supoñen estes antigos viaductos que conforman gran parte do legado histórico, cultural e turístico que posúe o municipio.

O alcalde, Jorge Cubela, destaca que a situación actual de restricións permitirá unha maior afluencia a este tipo de enclaves onde a natureza e o patrimonio históricos son reclamos máis que suficientes para as persoas que queren realizar un encontro co medioambiente nos seus momentos de lecer. 

O Concello realizará labores de limpeza e roza de accesos e dos lugares afectados pola presenza de vexetación invasiva que, en moitos casos, provocan accións de desgaste e poñen en perigo a propia estabilidade dos viaductos.

Tamén haberá labores de consolidación e recolocación de pedras que se atopan movidas ou en estado de perigo de derrubamento coa intención de garantir a seguridade da propia construción e a súa conservación para que sigan prestando as funcións para as que foron levantadas hai centos de anos, aínda que agora coa promoción de rutas de sendeirismo e peonís, rutas turísticas ou lugares de acceso veciñal.

A recuperación da Ruta das Pontes do Lérez centrarase sobre as pontes de Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo e tamén actuará noutros sendeiros que discorren en confluencia con eles como as peregrinaxes con sentido relixioso, as visitas etnográficas a aldeas e espazos únicos en perfecta harmonía con outras ofertas turísticas do municipio como serán os Baños do San Xusto.