O Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou nun Pleno Extraordinario o proxecto de 3 millóns de euros de investimento co que concorrerá aos fondos europeos post-Covid, dentro do programa DUS 5000, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O proxecto co que concorre o Concello concibe un conxunto de actuacións, entre elas figura a instalación de sistemas de xeración eléctrica renovable para autoconsumo.
Neste apartado contémplase a instalación de placas fotovoltaicas na cuberta do colexio, e de sistemas de baterías de almacenamento. Con isto conseguiríase aforrar o custo total do consumo eléctrico anual do centro educativo, e repartiríase o excedente para os edificios da gardería Galiña Azul e a depuradora de augas residuais. O orzamento neste apartado é de 251.818 euros.
Outra proposta prevé a instalación de sistemas de xestión, control activo e monitorización da demanda de enerxía das instalacións consumidoras no colexio e a reforma das instalacións de iluminación exterior por tecnoloxía máis eficiente e incluíndo telegestión. Deste xeito conseguiríase o aforro anual de máis do 67% de consumo de enerxía pola iluminación, e de 15% polo Smart rural. O orzamento total sería de 1.348.633 euros.
Finalmente, o Concello acudirá tamén á liña de axudas denominada mobilidade sostible. Aquí prevese un investimento para o acondicionamento dun vial e para a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos na futura área de recreo e acampada, cun orzamento total de 1.397.637 euros.