Cerdedo-Cotobade opta por asumir o mantemento do alumeado con recursos propios

Cerdedo-Cotobade
28 de xaneiro 2017

O alumeado público das 21 parroquias que forman o Concello de Cerdedo-Cotobade pasará a prestarse con recursos propios. O goberno municipal decidiu remunicipalizar este servizo para suprimir o gasto externo de 40.000 euros anuais que se pagaban por estes labores

Operarios de Setga realizan tarefas de mantemento no alumeado público
Operarios de Setga realizan tarefas de mantemento no alumeado público / Mónica Patxot

O alumeado público das 21 parroquias que forman o Concello de Cerdedo-Cotobade pasará a prestarse con recursos propios. O goberno municipal decidiu remunicipalizar este servizo para suprimir o gasto externo de 40.000 euros anuais que se pagaban por estes labores.

Así, o Concello asumirá este mantemento co guindastre, a maquinaria e o persoal municipal que facían este traballo no territorio de Cerdedo dende antes da fusión.

En Cotobade este traballo estaba a ser desenvolvido por unha empresa adxudicataria dun concurso público, pero deixará de facelo nos vindeiros días, xa que o goberno local optou por non renovar o seu contrato nin convocar un novo prego, apostando pola remunicipalización integral deste servizo.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, quixo destacar que a firma desenvolveu unha "magnífica labor" e incluso axustou moito o prezo ofertando unha importante rebaixa. 

Con todo, considera que este mantemento debe facerse con persoal e maquinaria municipal aproveitando os recursos de Cerdedo nesta área "xa que manterase a calidade do servizo e acadaremos un importante aforro para outros investimentos e prestacións públicas"

Esta medida, que entrará en vigor durante o vindeiro mes de febreiro, permitirá dirixir directamente o servizo de inspección, reparación e mantemento da iluminación pública por parte do goberno local. 

Cubela valorou esta iniciativa como "unha mostra máis da eficiencia e capacidade de aforro que ten o novo Concello grazas á fusión e a unificación de servizos" e quixo deixar claro que o persoal municipal e a maquinaria "teñen suficiente potencial e capacidade" para atender o novo territorio con garantías e mantendo a calidade do servizo.