Cerdedo-Cotobade ofrece por carta a ENCE un terreo para instalar unha planta de biomasa

Pontevedra
15 de marzo 2017

Ademais de poñer á súa disposición os terreos, a oferta inclúe outros beneficios fiscais para Ence como a redución do 90% no imposto de construcións e instalacións e tamén se compromete a que os trámites administrativos necesarios para a actividade axilizaranse e non se demorarán máis dun ano e medio

José Balseiros e Jorge Cubela
José Balseiros e Jorge Cubela / Concello de Cerdedo-Cotobade

Despois de que a empresa Ence anunciase que construirá en Huelva a planta de biomasa que inicialmente pensaba instalar en terreos de Lourizán e que as instalacións pontevedresas quedan aprazadas ata que se convoque unha nova poxa de renovables, o Concello Cerdedo-Cotobade decidiu tentar que o municipio entre nos plans da pasteira. Enviarán unha carta ao presidente da empresa, Juan Luís Arregui, ofrecéndolle terreos no seu termo municipal para este proxecto. 

O presidente e o vicepresidente da xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, compareceron este mércores ante os medios e explicaron que aínda non se puxeron en contacto por este tema coa empresa nin coa Xunta de Galicia, senón que quixeron anunciar a súa proposta previamente á prensa por transparencia e para evitar filtracións e posibles malas interpretacións. 

Cerdedo-Cotobade propoñen que Ence instale a fábrica que ten prevista en Huelva nun terreo do antigo concello de Cerdedo, en concreto, no polígono industrial de Folgoso, do que destacan que está situado a 30 quilómetros da súa pasteira de Lourizán e nunha zona ben comunicada e cunha masa forestal importante. 

Ademais de poñer á súa disposición os terreos, a oferta inclúe outros beneficios fiscais para Ence como a redución do 90% no imposto de construcións e instalacións e tamén se compromete a que os trámites administrativos necesarios para a actividade axilizaranse e non se demorarán máis dun ano e medio fronte aos catro anos que aseguran que tardaría en Pontevedra, xa que tan só é necesario unha tramitación de impacto ambiental simplificada.

En relación cos terreos que ofrecen, o polígono industrial de Folgoso conta cun Plan Sectorial a través da Xunta de Galicia e está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal, pero de momento non está urbanizado. Os dous portavoces de Cerdedo-Cotobade aseguran que, se a empresa ten en conta a súa proposta, urbanizarase a tempo para cumprir ese prazo dun ano e medio de trámites. 

Cubela e Balseiros explicaron que a súa intención é que Ence estude a súa proposta e este mesmo mércores enviarán unha carta dirixida ao Consello de Administración de Ence propoñéndolles unha reunión para explicarlles o seu ofrecemento.

Cubela destacou que Cerdedo-Cotobade sería "o primeiro concello desde que se produciu este debate de si se trasladaban a Huelva" e que, como responsables políticos do Concello, "temos unha obrigación que é xestionar recursos para favorecer o asentamento de veciños e empresas non concello" fronte á forma de actuar de Pontevedra.

O presidente da xestora critica unha "mala intención de políticos que no canto de tratar de atraer empresas pretenden non dar as facilidades necesarias", como ocorre en Pontevedra. Respecto diso, cabe apuntar que tanto o grupo empresarial como o comité de empresa aseguraron que a decisión do traslado a Huelva débese a que o concurso esixe a entrada en funcionamento desta instalación antes de marzo de 2020 e os bancos que financian a construción esixen por seguridade acabar a construción en setembro de 2019. Dado que as obras durarán uns dous anos, é preciso iniciar a construción da planta en setembro de 2017, algo imposible en Pontevedra, onde pretenden que o proxecto se inclúa no Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal da Xunta de Galicia.

O concurso de enerxía renovable fallado o pasado mes de xaneiro de 2016 adxudicou a Ence unha planta de biomasa 40 megawatts, que será a que se instalará en Huelva, pero non renuncia a optar ao próximo concurso e instalar unha en Pontevedra. Cercedo-Cotobade ofrécelle terreos para unha instalación cunha potencia de entre 100 e 300 MW.

Arquivado en