Cerdedo Cotobade modificará a calificación urbanística do solo destinado a aparcadoiro na humanización da Chan

Cerdedo-Cotobade
27 de xuño 2017

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai acometer unha modificación puntual das normas subsidiarias que rexen o urbanismo do municipio na área de solo destinado a aparcadoiro público incluído no proxecto de humanización e reforma urbana do núcleo da Chan, que será cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento de 650.000 euros

A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade reformarán o núcleo da Chan
A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade reformarán o núcleo da Chan / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai acometer unha modificación puntual das normas subsidiarias que rexen o urbanismo do municipio na área de solo destinado a aparcadoiro público incluído no proxecto de humanización e reforma urbana do núcleo da Chan, que será cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento de 650.000 euros.

Así, o Concello vén de contratar unha consultoría para levar a cabo este cambio urbanístico, que é preciso para acometer este importante investimento.

A modificación puntual das normas subsidiarias, que se prolongará entre 6 e 8 meses, cambiará a categoría das tres parcelas afectadas, que na actualidade está catalogadas como privadas e pasarán a ser públicas para uso dotacional. Deste xeito, esta tramitación administrativa será a derradeira emprendida polo Concello antes de que o expediente volva a manos do organismo provincial.

A continuación, a Deputación asinará o convenio coa administración local, aprobará o proxecto en pleno e sacarao a licitación para acometer a humanización da Chan, que disporá dun aparcadoiro en superficie de carácter público situado fronte ao centro de saúde.

Este proceso burocrático será un dos último escollos a salvar para afrontar esta reforma urbana, xa que o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, xa acadou un principio de acordo cos dous propietarios das tres citadas parcelas. Ambos amosáronse satisfeitos desta operación e do novo servizo público que gañará a capital municipal e incluso non se descarta que o acordo se peche a través dunha compravenda sen ter que recurrir a ningún proceso expropiatorio.

Jorge Cubela, explicou que, tras analizar tecnicamente a situación urbanística dos predios afectados, fíxose necesario adoptar a decisión de acometer esta modificación puntual, "xa que se trata da solución que outorga unha maior seguridade xurídica a este investimento" e concretou que esta agarda de medio ano "non supón apenas ningunha variación no noso proxecto de humanizar o núcleo da Chan e convertelo nun exemplo de reforma urbana perfectamente integrada no medio rural".

Finalmente, quixo agradecer a boa disposición dos veciños afectados "xa que valoraron por riba de todo o interese xeral".