A concelleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantiveron unha reunión nos últimos días para repasar as posibilidades ás que pode optar o Concello para acceder aos recursos públicos da Xunta co fin de mellorar o estado dos equipamentos municipais.
Neste senso, a concelleira destacou que esta semana o Instituto Galego de Vivenda convocou as axudas para que os concellos rehabiliten inmobles e ofrezan vivenda pública aos seus veciños. No primeiro dos casos, as subvencións ascenden a 2,1 millóns de euros, mentres que a segunda conta cunha partida de 370.000 euros.
Vázquez Mejuto lembrou que outro programa é o Fondo de cooperación, dotado con 20 millóns de euros, a través do cal se facilitan créditos sen xuros cunha vixencia máxima de oito anos a concellos de menos de 50.000 habitantes que desexan executar actuacións de conservación e rehabilitación en inmobles da súa titularidade.
Tamén sinalou que desde hai anos a Xunta mantén aberta unha liña de apoio ás entidades locais co fin de contribuír á mellora de equipamentos municipais, dos servizos públicos a disposición da veciñanza, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.
Finalmente, Vázquez e Cubela analizaron a posibilidade de colaborar, novamente, no desenvolvemento de proxectos que poñan en valor os espazos naturais do municipio, como roteiros de sendeirismo ou actuacións de protección paisaxísticas. Grazas a esta última facilitouse a recuperación dos Baños de San Xusto, como aposta pola conservación do patrimonio natural e cultural.