Cerdedo-Cotobade esixirá á Deputación a mellora integral da estrada de Almofrei comprometida por Louzán

Cerdedo-Cotobade
31 de xaneiro 2019

O presidente municipal presentou esta proposta por vía de urxencia despois de recibir, con anterioridade ao pleno, a unha representación dos veciños de Almofrei, que lle entregaron 350 sinaturas esixindo unha solución integral á EP-0405

Veciños de Almofrei no pleno de Cerdedo-Cotobade
Veciños de Almofrei no pleno de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo Cotobade

O goberno local de Cerdedo-Cotobade conseguiu aprobar no pleno deste xoves, coa unanimidade da corporación municipal, unha proposta presentada polo alcalde, Jorge Cubela, na que se insta á Deputación de Pontevedra a retomar de inmediato o proxecto de ensanche e mellora integral da EP-0405 Almofrei-Xesteira aprobado en 2015.

Ademais, a moción incluía un segundo acordo, tamén aprobado, no que se expresa o apoio absoluto aos veciños da parroquia de Almofrei nesta demanda e na súa negativa a que a Deputación "acometa un parche cun bacheo e un saneo que non solucionan os problemas de seguridade, sinuosidade e estreitez desa estrada provincial e co que pretende deixar no esquecemento a auténtica solución ao problema".

O presidente municipal presentou esta proposta por vía de urxencia despois de recibir, con anterioridade ao pleno, a unha representación dos veciños de Almofrei, que lle entregaron 350 sinaturas esixindo unha solución integral á EP-0405.

Cubela, que amosou ao pleno as adhesións veciñais, lembrou que en abril de 2015 o pleno da Deputación aprobou esta obra por unanimidade e a mesma saiu a concurso no mes de xuño, pero o cambio de goberno provocou que se paralizara e se anunciara que non se ía executar.

O rexedor lembrou que esta "é unha obra que xestionei co anterior executivo provincial, encabezado por Rafael Louzán, e que estaba tramitada, polo que non entendo a pechazón do bipartito en freala e non querer acometela, cando ademais saben que é a única solución axeitada para o tráfico e a seguridade neste acceso aos núcleos centrais de Almofrei".

Finalmente, e ante o voto favorable do grupo municipal socialista que permitiu aprobar a moción por unanimidade, o presidente municipal amosouse irónico e dixo "encantoume que o PSOE estivera defendendo a actuación do goberno da Deputación ata hai uns días a través da prensa, pero que no pleno, e ante a presenza dos veciños, recuara de postura, atendera á razón e a xustiza da demanda e incluso pedira publicamente a aprobación da proposta".

Agora, o acordo trasladarase á Deputación de Pontevedra acompañado das 350 sinaturas dos veciños de Almofrei e doutras zonas da contorna que empregan habitualmente esa estrada.