Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, únicos concellos en nivel alto a partir do sábado na área

Pontevedra
24 de agosto 2021

A Lama, Marín, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior e Bueu, a partir do sábado 28 de agosto, formarán parte do grupo de concellos en nivel medio, segundo as decisións adoptadas este martes polo comité clínico que asesora á Xunta sobre as medidas a adoptar para facer fronte á pandemia

Centro de Saúde de Cerdedo-Cotobade
Centro de Saúde de Cerdedo-Cotobade

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, informaba este martes dos acordos que adoptaba o comité clínico que se reunía unhas horas antes para asesorar á Xunta de Galicia sobre as medidas a seguir nos próximos días para continuar facendo fronte á pandemia.

Este comité de expertos decidía establecer o nivel alto na área de Pontevedra e O Salnés en Cerdedo-Cotobade, que se sumará a Ponte Caldelas, que xa se atopaba neste estado, a partir do próximo sábado 28 de agosto.

Con esta decisión, os municipios de Meis, O Grove e Bueu abandonarán ese nivel debido á baixada no número de casos positivos rexistrado durante os últimos días. 

En nivel medio permanecerán os  concellos da Lama, Marín, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio e Soutomaior, sumándose tamén o de Bueu

En Galicia, os dous concellos que se manterán en nivel máximo serán os de Ordes e Monforte de Lemos. En ambos se rexistraron brotes que, segundo o conselleiro, relaciónanse con festas privadas e aglomeracións durante a fin de semana do 15 de agosto.

García Comesaña manifestou que a curva de casos segue en descenso en Galicia pero a baixada comeza a retardarse e mostrou a súa preocupación polos casos en UCI en Galicia coa presenza de mozas de tan só 16 e 18 anos de idade.

Por este motivo lembrou a importancia de illar á xente nova, mesmo vacinada, e evitar aglomeracións porque "a eficacia das vacinas non é do 100%", apuntou o máximo representante da sanidade en Galicia. Sinalou, por outra banda, a súa satisfacción porque máis do 80% dos menores da comunidade acudiron a vacinarse nestes últimos días. Insistiu tamén en que as mulleres embarazadas se vacinen canto antes e lembrou que poden solicitar unha cita de forma automática.

Carmen Durán  Parrondo, a directora  xeral de  Saúde Pública, confirmou que a variante que circula actualmente en Galicia de maneira maioritaria é a delta chegando ao 96%, investindo a situación respecto a a alfa de hai apenas mes e medio. Pero xa se detectaron outras variantes como a eta, a lambda ou a colombiana, que xa circulan por territorio galego.

Os expertos epidemiolóxicos insisten na necesidade, ademais de vacinarse, de manter as medidas de prudencia co uso de máscara, mantemento da distancia e fomento de actividades no exterior para evitar a transmisión.