Cerdedo-Cotobade destinará uns 79.000 euros en reparar 19 parques infantís e biosaudables

Cerdedo-Cotobade
15 de abril 2021

A finalidade é adaptar estes espazos ás novas normas europeas e de prevención contra a pandemia

Área recreativa e de lecer da parroquia de Borela
Área recreativa e de lecer da parroquia de Borela / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade destinará un total de 78.650 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra á reparación de 19 parques infantís e biosaudables repartidos por toda a xeografía municipal.

A finalidade é adaptar estes espazos ás novas normas europeas e de prevención contra a pandemia aplicando normas tecnolóxicas de xardinería e paisaxismo, accesibilidade a espazos verdes de uso público e conservando a estética e a relación co medio ambiente natural.

Nesta ambiciosa actuación vanse ver beneficados os parques infantís e biosaudables de Viascón-Igrexa, Parada de Tenorio, Vilanova, Arrotea, Pazos-Borela, Carballo de Santa Lucía, Augasantas-As Boliñas, Caroi, Cuspedriños, Gardería, Figueroa, Tomonde, Tresaldeas, Outeiro, Vilarchán, Cuíña, Tenorio-Mosteiro, Tenorio-Colexio e San Xusto.

Os traballos a realizar son moi variados e serán acometidos en función das necesidades individuais de cada un deles. 

Segundo o alcalde, Jorge Cubela, con esta actuación perséguese "garantir o mellor nivel de seguridade e condicións de uso nos parques de xogo municipais no contexto da situación xerada pola Covid-19 e fortalecer mediante a dotación e conservación de equipamentos e servizos de primeira calidade a capacidade de atracción de poboación". 

Por outra banda, indicou o alcalde "queremos incrementar con esta actuación o valor paisaxístico dos espazos mediante a limpeza e acondicionado das zonas nas que se vai actuar, desenvolvemento as condicións de conservación e estéticas así como a súa integración na contorna rural. Tamén queremos mellorar a capacidade de acollida dos parques e o seu papel como lugar de encontro e socialización interxeracional coa mellora e dotación de mobiliario axeitado aproximando e relacionando os diferentes espazos de lecer, elevando o valor ambiental, paisaxístico e patrimonial".