Cerdedo-Cotobade acolle un curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en residencias de maiores

Cerdedo-Cotobade
07 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:26

O curso para a obtención da titulación oficial terá unha duración de 4 meses (450 horas) e dará comezo no mes de febreiro. O prazo de inscrición remata o 20 de xaneiro

Visita da conselleira a unha residencia de persoas maiores
Visita da conselleira a unha residencia de persoas maiores / Xunta de Galicia

O Concello de Cerdedo-Cotobade anuncia que xa está aberto o prazo ata o 20 de xaneiro para inscribirse nunha nova accion formativa destinada a persoas en situación de desemprego para poder obter os coñecementos necesarios para optar aos procesos selectivos para insertarse no mercado laboral nas diferentes residencias de maiores de Galicia, tanto nas públicas como nas privadas.

Este curso AFD de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais está impulsado polo Concello en colaboración coa empresa especializada do sector, Magnofor Qualitas, e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

O proceso formativo terá unha duración de 4 meses (450 horas) e dará comezo no mes de febreiro nas instalacións municipais homologadas para tal fin no Centro Cultural de Tenorio en horario de 9 a 14 horas, de luns a venres.

Para poder acceder a este curso que posibilita a consecución do correspondente certificado de profesionalidade será necesario dispoñer de alo menos algunha destas condicións: ser posuidor do título de Graduado en Eduación Secundaria Obrigatoria (ESO); certificado de profesionalidade nivel 2; certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia; cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou ben superar as correspondentes probas de acceso; ter superada a proba de acceso á Universidade para maiores de 25 anos e/ou 45 anos ou ter superadas as competencias clave.

O Concello de Cerdedo-Cotobade, a través do axente de Emprego e Desenvolvemento Local, Carlos Otero, facilitará todo tipo de información aos interesados en realizar este curso AFD previa cita no teléfono 986 75 30 06.