A aposta do Concello de Cerdedo-Cotobade na cultura e na participación veciñal na vida do municipio continúa coa creación do Consello Local da Cultura.
Trátase dun órgano consultivo pioneiro na contorna e do que forman parte todas as agrupacións musicais como as Bandas de Música de Cerdedo e Tenorio, as Pandereteiras de Quireza, Foula, Os Trazantes de Tenorio, Os Abrentes de Cerdedo e Os Afoutes do Canón de Pau.
O obxectivo deste consello é explicar e compartir as liñas do orzamento que está en elaboración no que se inclúe o plan cultural e as axudas nominativas as entidades sociais ou culturais, a organización de eventos, programacións culturais e musicais e abrir un espazo de escoita para intercambiar propostas, suxestións e iniciativas.
Tal e como indicou o alcalde, Jorge Cubela, "a cultura é unha prioridade para o grupo de goberno e contar coa participación das entidades protagonistas do despegue cultural, musical e asociativo do municipio e é unha premisa para estimular a gobernanza e a democracia local e veciñal participativa dándolle o protagonismo necesario aos colectivos que dinamizan que son os que tiran da actividade social e cultural no noso concello".
Neste senso, sinalou que ese compromiso queda patente coas agrupacións musicais coas que conta o municipio ademais do "inxente e variado programa de actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano no noso concello e que son referencia en Galicia".
De feito, o rexedor adiantou que xa están ultimando a axenda de actos para o verán onde terán protagonismo as agrupacións folclóricas, bandas de música e grupos de gaitas e baile do municipio.
Cubela calificou de "moi positivo este encontro" posto que permitirá que Cerdedo-Cotobade "siga sendo un referente importante no noso país desde o punto de vista cultural e musical".