Cerdedo-Cotobade foi un dos primeiros concellos da provincia en asinar o convenio 'La Administración Cerca de Ti', que vai permitir que servizos da Administración do Estado se despracen para a realización de trámites administrativos coa veciñanza.
Así o deu a coñecer este xoves o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que visitou o municipio e mantivo unha xuntanza institucional co alcalde, Jorge Cubela.
Losada agradeceulle ao alcalde que este Concello xa dera o paso de asinar o convenio, que está dirixido a municipios de menos de 8.000 habitantes.
O subdelegado explicou ao alcalde que a partir de agora persoal funcionario da Subdelegación visitará o Concello para axudalo na obtención do certificado dixital e asesoralo no uso da aplicación 'Mi Carpeta Ciudadana', na que figuran tódolos expedientes de cada cidadán co Estado.
Tamén recibirán a visita de persoal da Tesourería da Seguridade Social para facilitar o uso da aplicación 'Importass', moi útil para as xestións que realizan os/as traballadores/as autónomos/as ou para iniciar a solicitude do Ingreso Mínimo vital, por exemplo.
Ademais, incorporarase o persoal do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) para diversos trámites e, nun futuro próximo, incorporaranse tamén os da Xefatura Provincial de Tráfico e do Servizo Público de Emprego (SEPE).
Losada repasou o avance do Plan ÚNICO-Banda Ancha, polo que o Goberno subvenciona a chegada da fibra óptica a zonas nas que aínda non chegou a iniciativa privada do sector das telecomunicacións. Chegou a máis de 2.300 vivendas do municipio.
Tamén avanzou unha achega de 3,3 millóns de euros para impulsar o avance da rede 5G na telefonía móbil na provincia que financia a modernización tecnolóxica de 5 antenas repetidoras deste municipio, catro delas preexistentes e unha nova en lugares como Pedrouzos, Calvelo, Carballas, O Pereiral o Vila de Abaixo.
O subdelegado repasou tamén co alcalde os 15.000 euros financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para programas de prevención en Cerdedo-Cotobade e fixo referencia aos 693.875 euros que o Goberno de España achegou para impulsar a mobilidade sostible na estrada EP-0405 Xesteira-Almofrei.
O alcalde pediulle ao subdelegado colaboración para buscar formulas para facer posible a rehabilitación do antigo cuartel da Garda Civil ao pé da N-541 en San Xurxo de Sacos. Ademais informoulle sobre os trámites para a materialización do polígono industrial que o concello está tratando de impulsar desde hai tempo.