Cerdedo-Cotobade busca garantir o abastecemento de auga

Cerdedo-Cotobade
29 de abril 2017

Logo dos novos depósitos en Tomonde e Folgoso, o plan estenderase, coa construción doutros en Vilalén, Tresaldeas, Quireza, Framil, Peniñas, Meilide e Cavenca-Revolta

Depósito de auga de Folgoso
Depósito de auga de Folgoso / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade está buscando garantir o abastecemento e subministro de auga a todos os veciños e por iso puxo en marcha recentemente un plan de melloras para o almacenamento de auga que xa deu, como primeiros froitos, a construción de novos depósitos en Tomonde e Folgoso.

Esta iniciativa, que se prevé de gran importancia para o verán ante a seca destes últimos meses, vaise estender a outros puntos do municipio, xa que está prevista a creación doutros sete puntos de depósito en Vilalén, Tresaldeas, Quireza, Framil, Peniñas, Meilide e Cavenca-Revolta.

O goberno local, que adicou un investimento duns 90.000 euros á construción destes dous primeiros depósitos, efectuou en primeira instancia un estudo de arquitectura e enxeñería para garantir o subministro das aldeas e parroquias, xa que moitos dos depósitos presentaban deficiencias polo paso do tempo e padecían roturas e perdas de auga.

Posteriormente, celebráronse reunións veciñais para decidir a ubicación máis acaída para os novos depósitos, que serán complementarios dos antigos. Estes manteranse en funcionamento para atender posibles urxencias e que haxa unha dobre alternativa de abastecemento.

As novas infraestruturas contan con características comúns e están construídas en formigón con dúas cámaras de almacenamento que dispoñen de chaves de paso independentes para a realización das tarefas de vaciado ou limpeza.

Finalmente, esta actuación completarase coa mellora e ensanchamento das pistas de acceso a estes novos depósitos co propósito de facilitarlle a chegada aos veciños para que poidan acometer con comodidade as labores de limpeza dos mananciais.

ZONAS DE BAÑO FLUVIAL

As zona de baño de Carballedo (río Almofrei), a área do Pozo Negro en Rebordelo (río Almofrei), a contorna de Viascón (río Cabanelas) e o espazo recreativo de Xesteira (río Almofrei), presentan as mellores condicións para o baño ante a apertura da tempada o vindeiro luns. Todos eles veñen de obter un nivel "excelente" na calidade das súas augas, segundo os datos oficiais de mostraxe publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

Arquivado en