Cerdedo-Cotobade aprobará a medida pioneira de eliminar o imposto de obras

Cerdedo-Cotobade
29 de maio 2017

A medida propúxose formalmente este luns na Xunta de Goberno local e aprobarase no pleno do xoves ante a maioría do grupo de goberno do PP. O Concello busca ofrecer novos atractivos para a construción de vivendas, a rehabilitación de inmobles e o asentamento de empresas

Xunta de Goberno local de Cerdedo-Cotobade
Xunta de Goberno local de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade aprobará no proximo pleno da Corporacion previsto para o xoves 1 de xuño unha medida pioneira que xa anunciaran nos últimos meses os seus presidente e vicepresidente, Jorge Cubela e José Balseiros: eliminar o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO)

A medida propúxose formalmente este luns na Xunta de Goberno local e aprobarase sen dúbida no pleno ante a maioría do grupo de goberno do PP. Supón un paso máis nas propostas dos ex alcaldes de Cotobade e Cerdedo antes da fusión de reducir a presión fiscal aos veciños das dúas localidades. De feito, segundo recordan, xa baixou de 200 a 186 euros por veciño desde que os dous concellos se uniron. 

Con esta medida, da que aseguran que é novidosa en Galicia e no conxunto de España, o Concello busca ofrecer novos atractivos para a construción de vivendas, a rehabilitación de inmobles e o asentamento de empresas.

Segundo explican, existen moitos concellos que teñen bonificacións neste imposto, mesmo de ata o 90%, pero ningún optara ata a data pola supresión completa deste tributo municipal, indirecto e potestativo. O ICIO está cifrado no 2,8% do orzamento material de execución, de maneira que o aforro fiscal nunha vivenda tipo de 120.000 euros sería de 3.360 euros.

Segundo explican a través dun comunicado, o goberno local quere manter unha regulación controlada e ordenada do urbanismo, polo que esta medida se circunscribirá exclusivamente ao ámbito fiscal. Así, as persoas interesadas en realizar calquera tipo de construción no municipio deberán solicitar, como ata a data, a súa licenza de obra maior ou menor e cumprimentar a correspondente tramitación administrativa e simplemente se librarán do pago desta taxa.

Jorge Cubela e José Balseiros sinalaron que a medida é "perfectamente viable" para a tesourería local sen que se vexa afectado o equilibrio financieiro do concello "grazas aos maiores ingresos obtidos derivados do proceso de fusión" e anunciaron que o seguinte paso será a aplicación dunha rebaixa media do 8% nas ordenanzas fiscais, que se modificarán ao longo deste ano.