Cerdedo-Cotobade aproba un "orzamento histórico" de 5,3 millóns de euros

Cerdedo-Cotobade
17 de agosto 2024

O alcalde, Jorge Cubela, cualificou o orzamento como "responsable, realista e ambicioso," destacando a ausencia de débeda e a non previsión de solicitar créditos a curto e medio prazo

Pleno municipal
Pleno municipal / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou os seus orzamentos municipais para o ano en curso, alcanzando unha "cifra histórica" de 5,3 millóns de euros, cunha "débeda cero" cos bancos e un millón de euros destinado a investimentos. O alcalde, Jorge Cubela, cualificou o orzamento como "responsable, realista e ambicioso", destacando a ausencia de débeda e a non previsión de solicitar créditos a curto e medio prazo.

O orzamento aumentou nun millón de euros respecto ao ano anterior, e conta cun remanente de tesourería de 787.000 euros, que se incorporará mediante unha modificación orzamentaria. "O atraso na presentación do orzamento ao Pleno", indica Cubela, "debeuse á necesidade de coñecer incrementos en custos de servizos, como o de recollida de lixo que realiza Sogama e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ademais do financiamento para o retranqueo da liña eléctrica na obra da Residencia de Maiores de Carballedo.

O rexedor subliñou tamén que o orzamento de 2024 consolida unhas contas estables, superando en 3 millóns de euros os orzamentos que tiñan os concellos de Cerdedo e Cotobade antes da súa fusión. As partidas de servizos sociais representan o 35% do orzamento, cun gasto de 1,9 millóns de euros, destacando 730.000 euros para o SAF e 750.000 euros para a Residencia de Carballedo.

Ademais, incrementaron as axudas ás ANPAS, asociacións musicais, deportivas e comunidades de augas. En canto a investimentos, destinarán un millón de euros, incluíndo 750.000 euros para a Residencia de Carballedo e 150.000 euros para o retranqueo da liña eléctrica nesa mesma obra.

A aprobación destes orzamentos contou con apoio maioritario do Pleno grazas aos votos do PP, coa abstención do BNG e os votos en contra do PSOE.